Os días 9 e 10 de novembro, Santiago de Compostela acolle a Quantum_Iber_IA International Conference 2026, un encontro internacional dedicado aos avances en intelixencia artificial e tecnoloxías cuánticas. A xornada enmárcase no proxecto europeo do mesmo nome que coordina a Xunta de Galicia e reunirá a especialistas de distintas comunidades autónomas, Portugal e representantes de Europa para compartir resultados de investigación, presentar novos desenvolvementos e debater sobre o potencial destas tecnoloxías.
Neste evento, que se celebra na sede da Fundación Empresa-Universidade Galega e que coordina o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), abordaranse liñas de traballo como os modelos de linguaxe, as redes neuronais, a aprendizaxe automática cuántica, os algoritmos de optimización, a simulación ou as comunicacións cuánticas. Entre os relatores invitados figuran representantes de HiTZ Zentroa (Centro de Tecnoloxías da Linguaxe da Universidade do País Vasco e de Quantum Flagship, a iniciativa europea dedicada ás tecnoloxías cuánticas.
Cooperación científica no espazo ibérico
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, a través da Axencia Galega de Innovación, coordina o proxecto europeo Quantum_Iber_IA, que reúne a 17 entidades de España e Portugal para impulsar a investigación e a innovación en intelixencia artificial e tecnoloxías cuánticas, así como favorecer a súa transferencia a distintos sectores. O proxecto está cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.
A través da colaboración entre entidades de investigación e innovación de España e Portugal, Quantum_Iber_IA busca reforzar as capacidades tecnolóxicas do espazo transfronteirizo e promover o desenvolvemento de solucións baseadas en intelixencia artificial e tecnoloxías cuánticas, en ámbitos como a agroalimentación, a saúde, a ciberseguridade, a enerxía e o medio ambiente.
