A Deputación da Coruña apoia a modernización da lonxa de Malpica

1 minutes read

A Deputación da Coruña vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia a concesión dunha axuda de 12.000 euros á Confraría de Pescadores de Malpica para financiar o proxecto «Cerco Sostible 4.0», unha iniciativa orientada á modernización tecnolóxica e á mellora da seguridade na cadea de valor da lonxa malpicá.

O investimento permitirá adquirir equipamento de manipulación mecánica especializado, concretamente unha carretilla elevadora eléctrica e unha transpaleta manual inoxidable, co obxectivo de facer máis áxiles, seguros e eficientes os traballos diarios de descarga, traslado, almacenamento e expedición do peixe e do marisco.

A actuación busca reforzar o papel da lonxa de Malpica como clave para o sector do cerco na Costa da Morte, pero tamén para outras actividades pesqueiras e marisqueiras que empregan estas instalacións, como o ourizo, o percebe ou o polbo.

A nova carretilla elevadora eléctrica permitirá reducir emisións, afrorrar custo en combustible, mellorar a calidade do aire nas instalacións e facilitar o movemento de cargas pesadas con maiores garantías de seguridade. Pola súa banda, a transpaleta inoxidable está pensada para un uso intensivo nun ambiente mariño, con alta resistencia á corrosión, mellores condicións hixiénicas e unha vida útil máis longa.

A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, subliña que este tipo de investimentos contribúen a mellorar as condicións de traballo do sector pesqueiro, reducir riscos laborais e incrementar a competitividade das lonxas, favorecendo unha comercialización máis rápida e coidada do produto.

A iniciativa tamén se enmarca nun contexto de recuperación da actividade do cerco, no que a Confraría de Malpica considera especialmente necesario contar con medios modernos para evitar colos de botella nos momentos de maior volume de capturas e garantir que o produto chegue ao mercado nas mellores condicións de frescura e calidade.