A Deputación da Coruña impulsa o turismo sostible no Anllóns con dúas obras en Cabana e Ponteceso

2 minutes read

A Deputación vén de rematar dúas actuacións para poñer en valor a contorna do río Anllóns, concretamente en Cabana de Bergantiños e Ponteceso. Ambas obras están enmarcadas no plan enogastronómico provincial «Os fogóns do Anllóns» e o seu obxectivo é potenciar o turismo sostible na comarca.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, visitou os concellos de Cabana e Ponteceso, onde foi recibido polos seus alcaldes, José Muíño e José Manuel Mato, respectivamente; para despois desprazarse ata os lugares das obras a comprobar, de primeira man, o resultado das mesmas.

En Cabana de Bergantiños, o proxecto centrouse na creación do novo miradoiro do Anllóns, situado no lugar de Sinde, pertencente á parroquia de Canduas. Esta nova infraestrutura abre unha ventá á riqueza ambiental da canle fluvial, poñendo a disposición da veciñanza e dos viaxeiros un espazo integrado na contorna e pensado para a contemplación da paisaxe

De forma paralela, a actuación desenvolvida no veciño municipio de Ponteceso supuxo a recuperación ambiental e a mellora dos accesos peonís nunha das zonas de maior interese do estuario do Anllóns, facilitando que os visitantes poidan percorrer a ribeira de forma segura e respectuosa co ecosistema. A actuación dota a Ponteceso dun recurso interpretativo relacionado directamente co miradoiro de Cabana.

Ambos proxectos, financiados a través dos fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (NextGenerationEU), forman parte do plan enogastronómico que impulsa a institución provincial. O obxectivo principal desta estratexia é conectar a beleza paisaxística do estuario do Anllóns co potencial culinario e cultural da zona.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, visitou hoxe ambas intervencións e afirmou que «estes dous proxectos son unha mostra de como os fondos europeos poden transformarse en actuacións útiles para o territorio, poñendo en valor a paisaxe, o patrimonio natural e a identidade da comarca. Precisamente, o obxectivo dos Fogóns do Anllóns era crear experiencias turísticas sostibles que contribúan a dinamizar a economía local, reforcen a oferta dos cinco concellos participantes e fagan do río Anllóns un dos grandes referentes do turismo de natureza e gastronómico. Estes espazos non son só lugares para contemplar a paisaxe, senón tamén unha invitación a descubrir o territorio, a súa gastronomía e o seu patrimonio desde unha perspectiva sostible e de calidade.»

Con estas dúas obras rematadas, a comarca do de Bergantiños conta con dúas novas ferramentas para competir no mercado turístico actual. A mellora das infraestruturas públicas na contorna do río Anllóns funciona como un elemento tractor que enriquecerá a oferta hostaleira e de lecer da zona, garantindo un impacto positivo a longo prazo na economía local.