A Deputación da Coruña investirá máis de 446.000 € na mellora do firme da estrada DP-2403 de Cerceda a Xesteda

1 minutes read

O Pleno da Deputación da Coruña aprobou por unanimidade, na sesión ordinaria deste venres, o proxecto para a mellora do firme na estrada provincial DP-2403, que conecta os núcleos de Cerceda e Xesteda. A intervención centrarase no tramo comprendido entre o punto quilométrico 5+500 e o final da vía (o que suma un total de 2,5 kms) no concello de Cerceda, cun orzamento total de licitación de 446.704,07 euros e un prazo de execución estimado de cinco meses dende a firma do acta de comprobación do replanteo.

As obras teñen como obxectivo principal reforzar a seguridade vial e mellorar o estado de conservación do vial mediante a extensión duna nova capa de mestura bituminosa en quente de seis centímetros de espesor en todo o ancho da calzada. Para garantir un acabado óptimo, os traballos incluirán tarefas previas de rozamento e limpeza de beirarrúas, paseos e cunetas, así como o fresado e a reposición do firme naquelas zonas puntuais que se atopen máis deterioradas.

O proxecto completa as súas actuacións coa renovación integral da sinalización horizontal, ademais do repintado de símbolos e marcas brancas transversais. Do mesmo xeito, levarase a cabo o recrecido de pozos e sumidoiros para adaptalos á nova cota da vía.