O Concello continúa avanzando na mellora da xestión dos residuos municipais con novas iniciativas que promoven a correcta separación para o seu posterior tratamento.
Unha das principais actuacións consistiu na adquisición de dous novos puntos limpos móbiles cos que se reforzará e ampliará o servizo que xa presta o Concello desde hai varios meses. Ata o de agora dispoñíase dun único punto limpo móbil que rotaba de xeito itinerante e con periodicidade semanal polas tres parroquias do municipio. Agora pasarase a contar con tres unidades, o que facilitará unha maior cobertura territorial e achegará á veciñanza, independentemente do seu lugar de residencia, a posibilidade de depositar residuos especiais sen necesidade de desprazarse ata o punto limpo fixo do Formigueiro.
Estes puntos limpos permiten recoller de maneira selectiva residuos que non deben depositarse nos colectores convencionais, como téxtiles, aerosois, lámpadas, pequenos aparellos electrónicos ou pilas, entre outros. Os dous novos comezarán a funcionar en próximas datas.
A outra actuación destacada é a mellora dos equipamentos do punto limpo do Formigueiro, onde xa foron instalados dous novos contedores metálicos de grandes dimensións. Situados no sector de recente ampliación das instalacións, facilitarán a clasificación dos diferentes tipos de residuos. Neste mesmo espazo tamén foi colocada unha varanda de seguridade.
Estes proxectos lévanse a cabo a través da participación do Concello na convocatoria de axudas da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático destinada a financiar actuacións que incrementen a ecoeficiencia neste ámbito, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.
Outras iniciativas que o Concello está a desenvolver ao abeiro da mesma convocatoria de subvencións son as campañas informativas dirixidas á cidadanía para fomentar unha separación máis eficiente dos residuos, o programa de compostaxe doméstica e a organización de obradoiros téxtiles orientados a dar unha segunda vida á roupa usada.
O conxunto destas actuacións ten por finalidade mellorar os recursos municipais destinados á xestión dos residuos, facilitar a colaboración da veciñanza e avanzar cara a un modelo máis eficiente e sostible baseado na menor xeración de residuos, a reutilización e a separación selectiva para favorecer a reciclaxe.
