Camariñas vive dúas xornadas de memoria e xustiza democrática a través do proxecto ‘Sementando Memoria’  

1 minutes read

Este venres, 30 de outubro, deu comezo o proxecto ‘Sementando Memoria’. Dúas xornadas nas que o Concello de Camariñas pretende dignificar ás persoas represaliadas polo golpe de estado de 1936 e a ditadura franquista, así como promover o coñecemento da historia local e os valores democráticos entre a cidadanía.

A programación comezou cunha ofrenda floral no Memorial da Ponte do Porto, seguida dunha Ruta da Memoria co alumnado do IES Pedra da Aguia guiada por Rafael Lema. Esta mesma tarde, ás 19:00 horas, o Centro Cultural da Ponte do Porto (Casino) acollía a presentación do libro «A República e a Guerra Civil en Camariñas» a cargo do propio Lema, pechando a xornada coa proxección do documental «Ezkaba: La gran fuga de las cárceles franquistas». Os actos continuarán mañá, sábado 31, ás 10:00 horas coa ofrenda floral e a inauguración da Avenida das palilleiras, para rematar ás 11:00 horas no Faro Vilán cunha conferencia sobre a represión franquista na Costa da Morte impartida por Luís Lamela García e a posterior proxección do documental «La red Ponzán».

Sementando memoria

O proxecto abarca diversas liñas de actuación, comezando pola supresión de simboloxía contraria á memoria democrática no rueiro municipal. Ademais, instalouse un panel informativo de memoria democrática na Ponte do Porto, que inclúe o contexto histórico, a listaxe de persoas represaliadas, o mapa do roteiro e a explicación do funcionamento do sendeiro.

A innovación tecnolóxica tamén é protagonista coa creación do Sendeiro da Memoria da Ponte do Porto, configurado como un recurso permanente de interpretación. Trátase dun roteiro dixital con realidade aumentada xeolocalizada a través da plataforma ONIRIX. A nivel divulgativo, o proxecto tamén contempla a edición da publicación “Sementando memoria”, que recolle biografías das vítimas e un estudo histórico da represión no ámbito local.