A Deputación da Coruña participou en Camariñas nos actos «Sementando Memoria. Vítimas do golpe de Estado fascista de 1936»

1 minutes read

A deputada de Dereitos Civís Sol Agra participou na programación conmemorativa, que inclúe diferentes actividades destinadas a lembrar as vítimas da represión franquista e recuperar a memoria democrática do municipio. Concretamente, Agra participou na ofrenda floral e na inauguración da avenida das Palilleiras, desenvoltas no Memorial de Camariñas, nun acto de homenaxe ás persoas que sufriron a represión tras o golpe de Estado de 1936 e de recoñecemento á súa memoria.
Esta iniciativa está subvencionada pola área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, ao abeiro do Programa FO208/2026 de subvencións a concellos para financiar a supresión da simboloxía franquista nos espazos públicos, a realización de actividades e a sinalización de espazos de recuperación da memoria democrática para o ano 2026.

Programación
A través desta programación, o Concello de Camariñas busca renderlles homenaxe ás vítimas da represión franquista, recuperar e divulgar a memoria democrática e contribuír á transmisión da historia ás novas xeracións, promovendo os valores de liberdade, xustiza, dignidade e convivencia democrática.

O programa comezou este venres, 30 de outubro, cunha ofrenda floral no Memorial de Ponte do Porto e unha Ruta da Memoria no IES Pedra da Aguia, coa participación de Rafael Lema. Pola tarde, presentouse o libro A República e a Guerra Civil en Camariñas, do mesmo autor, seguida da proxección do documental Ezkaba: La gran fuga de las cárceles franquistas, no Centro Cultural de Ponte do Porto.

A programación continuou este sábado, 31 de outubro, coa ofrenda floral e a inauguración da avenida das Palilleiras, no Memorial de Camariñas. A xornada completouse cunha conferencia sobre a represión franquista na Costa da Morte, a cargo de Luís Lamela García, e coa proxección dos documentais La red Ponzán e Faro Vilán.