A Escola da Regueifa de Carballo abre o seu quinto curso

2 minutes read

A Escola da Regueifa do Concello de Carballo inaugurou este venres o seu quinto curso, consolidada xa como un espazo estable para aprender, practicar e transmitir unha das expresións máis singulares do patrimonio oral galego.

O Servizo de Normalización Lingüística promove desde o curso 2022-2023 esta iniciativa, dirixida pola regueifeira Lupe Blanco, coa vontade de contribuír á recuperación e á renovación da improvisación oral en verso e, ao mesmo tempo, favorecer novos espazos de uso do galego. Desde os seus inicios, a escola caracterízase ademais polo seu carácter interxeracional: está aberta á participación de persoas de todas as idades, desde nenos e nenas ata persoas maiores.

A primeira sesión do novo curso celebrouse onte pola tarde e volveu poñer de manifesto precisamente esa diversidade. Ao redor da regueifa coincidiron participantes de distintas xeracións nunha proposta baseada na oralidade, na creatividade, na retranca e, sobre todo, na participación.

Ao longo destes anos, a Escola da Regueifa foi medrando tanto en alumnado coma en presenza na vida cultural do municipio. As súas actividades foron saíndo tamén dos espazos habituais de formación para chegar ao mercado municipal, á hostalaría coa Liga da Regueifa, ás festas ou á Praza dos Libros. Á fronte do proxecto continúa Lupe Blanco, unha das principais figuras actuais da regueifa galega e unha das responsables da súa renovación e transmisión ás novas xeracións.

A Escola da Regueifa forma parte da estratexia do Concello de Carballo para promover o uso social do galego a través de propostas atractivas, participativas e ligadas ao territorio. A regueifa ten unha especial vinculación con Bergantiños e constitúe unha parte esencial dun patrimonio oral que segue demostrando a súa capacidade para renovarse e conectar con públicos moi diferentes.

As persoas interesadas en participar poden contactar co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo a través de snl@carballo.gal.