A Federación Galega de Redeiras recibe este venres a Medalla Castelao

2 minutes read

A Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao inicia unha semana colmada de recoñecementos e actos públicos. Así, o vindeiro venres, a súa directiva acompañada por máis de trinta redeiras de toda Galicia asistirán ao acto de entrega da Medalla Castelao que lle foi outorgada nesta edición a este colectivo.

Ao día seguinte, o 29 de xuño, festividade de San Pedro, co gallo da celebración do patrón da pesca artesanal e do traballo artesanal do mundo do mar, tamén das redeiras, a entidade realizará unha andaina a Compostela percorrendo o último treito do Camiño Francés desde Monte do Gozo, seguida dunha convivencia na que participarán redeiras de varias Comunidades Autónomas.

En relación á concesión da Medalla Castealo por parte da Xunta de Galicia, a presidenta da entidade, Verónica Veres, salientou que “este recoñecemento ten un sabor máis doce se é posible  con este tipo de noticias, xa que nola conceden en Galicia, onde desempeñamos a nosa profesión e onde vimos traballando no movemento asociativo desde hai máis de quince anos”.

Ese mesmo día, este venres pola tarde, terá lugar unha reunión de traballo entre redeiras de Cantabria e do País Vasco e o equipo xurídico do Peirao con quen repasarán os seguintes pasos a dar de cara a formalización da apertura do estudo de tramitación dos coeficientes redutores para este colectivo, comprometido polo secretario de Estado de Traballo, Octavio Granado, o pasado mes de abril.

Proxecto da programación O teu Xacobeo

A andaina xacobea do colectivo de redeiras do sábado conta coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia a través do programa O teu Xacobeo. Nesta acción participarán unhas 80 redeiras chegadas de toda Galicia, concretamente da maior parte das asociacións que integran O Peirao, e tamén de entidades de redeiras de Cantabria e País Vasco.

Á súa chegada ao Obradoiro, as participantes poderán seguir a Misa do Peregrino que temporalmente ten lugar no Mosteiro San Martiño Pinario por mor das obras na Catedral e serán obxecto dun café de benvida a Compostela que tera lugar na Obra Social ABANCA, na Praza de Cervantes de Santiago.  De seguido, realizarán unha visita guiada ao contorno urbano da Catedral de Santiago para rematar a mañá percorrendo a colección permanente do templo compostelán.

Xa pola tarde, asistirán a unha xornada sobre boas prácticas en nutrición, benestar e saúde sociolaboral para rematar a sesión cunha cata de produtos galegos de tempada.