O Concello acollerá o vindeiro luns 6 de xullo unha charla informativa sobre a convocatoria conxunta de subvencións da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas para a rehabilitación de vivendas destinadas a residencia habitual de persoas traballadoras vinculadas a empresas con centros de traballo en Galicia.
A iniciativa vai especialmente dirixida a empresas que precisan desprazar man de obra dende fóra de Galicia e requiren alternativas de aloxamento para o seu persoal. A Xunta de Galicia pretende, con esta convocatoria, recuperar casas baleiras e crear futuro laboral en concellos con menos de 20.000 habitantes, como é o caso da Laracha.
A sesión terá lugar na Casa da Cultura ás 12:00 horas e será de acceso libre e gratuíto. Será impartida por Juan José Couce Prego, o director territorial na Coruña da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.