A Laracha, «Cidade Amiga da Infancia»

3 minutes read

O Concello descubriu este venres na Praza O Recreo da capital municipal a placa acreditativa do recoñecemento de Cidade Amiga da Infancia concedido por UNICEF España á Laracha, un distintivo que certifica o compromiso municipal coa promoción dos dereitos da infancia, a participación real dos nenos, nenas e adolescentes e o impulso de políticas públicas orientadas ao seu benestar e desenvolvemento integral.

No acto participaron o alcalde, José Manuel López Varela; a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López; e Marta Andrade, responsable de Sensibilización e Políticas de Infancia de UNICEF Galicia. Tamén asistiron representantes dos catro centros educativos do municipio -CEIP Otero Pedrayo, CEIP Alfredo Brañas, CEIP de Caión e IES Agra de Leborís-, e integrantes do Espazo de Participación Infantil e Adolescente (EPIA).

A instalación da placa supón un novo paso na visibilización deste recoñecemento, que A Laracha recibiu oficialmente o pasado mes de decembro, converténdose nun dos once concellos galegos distinguidos por UNICEF. Ademais, o Concello prevé instalar placas idénticas noutros puntos de encontro e espazos representativos do termo municipal para reforzar a difusión desta condición entre a veciñanza.

A concelleira Rocío López destacou que o distintivo é o resultado dun traballo sostido no tempo para incorporar a voz da infancia á acción municipal. “Na Laracha cremos que os nenos, nenas e adolescentes deben ser escoitados en todas aquelas cuestións que lles afectan, desde a educación, a cultura ou o deporte ata ámbitos como o urbanismo, a seguridade ou as obras”, afirmou. A edil lembrou que o Consello Local da Infancia e Adolescencia, constituído en 2023, e os plenos infantís celebrados periodicamente son ferramentas fundamentais para facer efectiva esa participación e agradeceu a implicación dos centros educativos, das familias e dos integrantes do EPIA.

Marta Andrade puxo en valor o compromiso demostrado polo Concello durante os últimos anos para alcanzar este recoñecemento. A representante de UNICEF Galicia sinalou que “ser Cidade Amiga da Infancia significa escoitar, pero tamén permitir que os nenos e nenas formen parte das decisións e da construción do municipio no que viven”. Ademais, felicitou tanto ao Concello como aos integrantes do EPIA polo seu traballo e animounos a continuar ampliando os espazos de participación infantil e adolescente.

O alcalde, José Manuel López Varela, incidiu en que o acto celebrado hoxe permite facer visible ante toda a cidadanía unha distinción que acredita o esforzo realizado polo Concello para situar aos nenos, nenas e adolescentes no centro das políticas públicas locais. “Queremos contar coa opinión dos máis novos na acción de goberno municipal, porque as súas achegas son fundamentais para seguir mellorando o noso concello”, manifestou. O rexedor agradeceu a colaboración de todas as persoas e entidades implicadas no proceso, especialmente aos centros educativos, ás familias, ao persoal municipal e aos integrantes do EPIA. Ademais, mostrou a súa satisfacción por que A Laracha forme parte do reducido grupo de concellos galegos que contan con esta distinción, un feito que evidencia o traballo desenvolvido nos últimos anos para consolidar estruturas estables de participación e unha visión transversal das políticas dirixidas á infancia e á adolescencia.

Co descubrimento da placa, o Concello quere deixar constancia visible dese compromiso e continuar afondando nunha liña de traballo que foi recoñecida por UNICEF pola súa capacidade para integrar a perspectiva da infancia na acción municipal e favorecer que os máis novos poidan expresar as súas opinións e contribuír á construción da Laracha do presente e do futuro.