A Laracha continúa reforzando a coordinación institucional para previr e combater a violencia de xénero

2 minutes read

Na Laracha celebráronse recentemente as reunións periódicas das dúas meses sectoriais de coordinación interinstitucional constituídas para previr e combater a violencia de xénero abordando esa problemática social desde os diferentes ámbitos profesionais.

A mesa educativa e sanitaria contou con representación municipal -directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM) e técnica municipal de Igualdade-, da Guardia Civil -cabo xefe do equipo VioGén da compañía da Garda Civil de Carballo, César Pallares, e comandante do posto da Guardia Civil da Laracha, Miguel Rodríguez- do Centro de Saúde da Laracha -xefe de servizo e pediatra- e dos catro centros de ensino -equipos directivos e orientadores do IES Agra de Leborís e dos CEIPs Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión-.

Entre os asuntos tratados destacou o reforzo dos protocolos de coordinación existentes entre os diferentes profesionais implicados para favorecer a detección temperá de posibles situacións de violencia de xénero e a súa derivación ao CIM co obxectivo de ofrecer unha atención integral e especializada ás persoas afectadas.

Durante a reunión tamén se realizou unha análise de casos reais e de posibles situacións de vulnerabilidade, compartindo información e criterios de actuación para mellorar a coordinación entre os distintos servizos e optimizar a resposta ante cada circunstancia.

Ademais, os membros da mesa avanzaron na planificación das actividades de prevención das malas condutas, promoción de relacións saudables e fomento de valores de respecto e igualdade entre a mocidade, entre outras temáticas, que se desenvolverán nos centros de ensino durante o próximo curso escolar.

Por outra parte, tamén se celebrou a reunión da mesa de coordinación policial contra a violencia de xénero, na que participou a directora do CIM e representantes da Policía Local e da Guardia Civil. Nesta sesión abordáronse cuestións relacionadas coa coordinación entre os diferentes servizos, a revisión de aspectos vinculados ao programa ATENPRO e o seguimento dos protocolos de actuación establecidos para garantir unha resposta eficaz ante posibles casos de violencia de xénero.

O Concello agradece a implicación e a colaboración de todos os profesionais que forman parte destas dúas mesas sectoriais, destacando a importancia do traballo conxunto e da cooperación institucional para avanzar na prevención, detección e atención das situacións de violencia de xénero.