Os Concellos da Laracha e de Cerceda promoven conxuntamente o proxecto estratéxico que ten por finalidade a mellora da estrada local que comunica ambos municipios, desde a confluencia desa vía coa DP-1913 na Laracha pasando por Gabenlle, a variante de Requesende na parroquia de Golmar e seguindo polas de Soutullo e Soandres ata chegar á piscina de Cerceda á altura da AC-400.
A actuación está concibida como unha intervención estratéxica ao beneficiar de xeito directo á mobilidade intermunicipal, á cohesión territorial, á seguridade viaria e á competitividade económica da zona. A estrada constitúe unha vía de comunicación fundamental para a comarca dado que presta servizo diariamente á veciñanza, ás explotacións agropecuarias e forestais, ao tecido empresarial, ao transporte escolar e aos servizos públicos e de emerxencias. Ademais, constitúe unha conexión esencial entre os núcleos rurais situados na contorna e as principais vías de comunicación provinciais e autonómicas.
As obras previstas permitirán renovar a superficie de rodadura dos vehículos ao longo dunha distancia lineal aproximada de 7,5 quilómetros, ademais de reforzar os elementos de seguridade e a sinalización horizontal e vertical.
O proxecto presenta un orzamento de 922.250,59 euros. Na última sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local acordouse solicitar unha subvención para o seu cofinanciamento á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes por un importe de 461.125,30 euros ao abeiro da convocatoria de axudas para investimentos estratéxicos no fondo adicional de Cooperación Local.
Por outra parte, a Xunta de Goberno Local concedeu licencia urbanística para a construción dunha nova nave industrial no parque empresarial da Laracha. A empresa promotora desenvolve a súa actividade no ámbito dos sistemas de climatización, aire acondicionado e frío industrial. O proxecto executarase nunha parcela de aproximadamente 1.200 metros cadrados e contará cunha edificabilidade de 720 metros cadrados. Desde o Concello valórase moi positivamente esta nova implantación, que contribúe a consolidar o polígono industrial como motor económico do municipio, e destácase a importancia de seguir xerando actividade económica e oportunidades de investimento que repercutan na creación de emprego de calidade e no fortalecemento do tecido produtivo local.
Na mesma sesión tamén foi concedida a licenza urbanística para a construción dunha nova vivenda unifamiliar na parroquia de Lestón.