A Laracha e Coristanco únense para organizar un novo Programa Integrado de Emprego

3 minutes read

Ambos Concellos desenvolverán conxuntamente un novo Programa Integrado de Emprego, iniciativa que durante doce meses ofrecerá a 100 persoas desempregadas novas ferramentas e oportunidades para mellorar a súa cualificación profesional e facilitar a súa incorporación ao mercado laboral. O obxectivo de inserción é do 43 %.


Esta será a primeira vez que ambos municipios se unan para impulsar este programa, que ten un orzamento de 230.000 euros e será financiado integramente pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia. A colaboración permitirá ampliar o ámbito de actuación e os recursos dispoñibles atendendo prioritariamente a persoas residentes nos dous concellos.


Con motivo de ultimar preparativos antes da posta en marcha do Programa Integrado de Emprego, o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela; a concelleira de Promoción Económica, Rocío López; a axente de emprego e desenvolvemento local e secretarios e interventoras de ambos municipios mantiveron unha reunión de coordinación na que abordaron os aspectos organizativos e administrativos necesarios.


A iniciativa estará dirixida en exclusiva a persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego. Un dos aspectos destacados é a atención aos colectivos con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral, de tal xeito que o 90 % das prazas irán destinadas a persoas pertencentes aos grupos considerados prioritarios.


O programa contempla un total de 495 horas de formación, combinando especialidades profesionais con accións orientadas a mellorar as competencias persoais e as habilidades necesarias para acceder a un posto de traballo. A proposta formativa, entre outras áreas, abrangue ámbitos como as novas tecnoloxías, a administración, a loxística, a industria alimentaria, os servizos socioculturais e a atención ás persoas. Este plan procura responder tanto ás necesidades das persoas participantes como ás demandas detectadas no tecido empresarial da comarca.


A maior parte das actividades formativas levaranse a cabo no termo municipal da Laracha, aínda que tamén está prevista a realización dalgunhas accións no Centro Interxeracional A Rocheira de Coristanco.
Ademais da formación específica, as persoas participantes recibirán información, orientación e asesoramento laboral ao longo de todo o proceso, con apoio na elaboración de currículos e cartas de presentación, preparación de entrevistas de traballo e utilización de ferramentas dixitais para a busca de emprego.


Tamén se organizarán obradoiros de coaching, intelixencia emocional, motivación e habilidades sociolaborais, así como actividades relacionadas co emprendemento, a xeración de ideas de negocio e a elaboración de plans de viabilidade. Neste ámbito contarase coa colaboración de entidades especializadas como o Polo de Emprendemento de Coristanco, a Rede Eusumo e EspazoCoop.


Outro dos piares será a relación directa coas empresas. O equipo técnico realizará labores de prospección empresarial para coñecer as necesidades de contratación, identificar os perfís profesionais máis demandados e facilitar o contacto entre as empresas e as persoas participantes. Tamén se promoverá a realización de prácticas profesionais non laborais en empresas colaboradoras co obxectivo de que os usuarios poidan adquirir experiencia en contornas de traballo reais. O programa, ademais, prevé accións de intermediación laboral e obradoiros sobre mobilidade xeográfica e oportunidades de emprego noutros territorios.
As persoas participantes disporán dunha bolsa de 10 euros por cada día de asistencia e poderán acceder aos servizos municipais de conciliación, ademais de contar con adaptación de horarios nas accións individuais e formativas sempre que sexa posible.
O obxectivo final é ofrecer unha atención integral e personalizada que vaia máis aló da formación, acompañando ás persoas desempregadas en todas as fases do proceso de procura de emprego e facilitando o contacto coas empresas da Laracha, Coristanco e a súa contorna. Deste xeito, os dous concellos reforzan a súa colaboración para aproveitar as oportunidades laborais existentes no territorio e contribuír á mellora da empregabilidade e á inserción profesional da súa veciñanza.