A Laracha está a completar no rural a execución do proxecto de colocación das placas identificativas coa nova numeración

2 minutes read

Trátase dunha actuación coa que se culmina o proceso de ordenación e identificación dos inmobles en todo o termo municipal. Recentemente concluíron os traballos nas parroquias de Lendo e Lemaio, mentres que na actualidade se están a levar a cabo en Soandres. Esta será a última fase despois de que en anos anteriores xa se realizaran estas actuacións nas outras dez parroquias.

No caso de Soandres contémplase a instalación de 551 placas correspondentes a vivendas distribuídas en 68 núcleos de poboación, dos cales 29 foron recuperados grazas a esta iniciativa municipal. En Lendo colocáronse un total de 213 placas en 24 núcleos, incorporándose 7 novos topónimos. En Lemaio foron instaladas 138 placas en 23 núcleos, dos que 14 son novos.

Para comprender o motivo desta iniciativa municipal é preciso remontarse á década dos 90. Coa aplicación das Normas Subsidiarias Municipais, moitos lugares foron agrupados no padrón co obxectivo de cumprir cos requisitos urbanísticos esixidos naquel momento e favorecer así a edificabilidade no rural. Esta decisión permitiu impulsar o desenvolvemento urbanístico, pero supuxo que parte da toponimia tradicional deixase de figurar de maneira individualizada nos rexistros oficiais.

Coa entrada en vigor do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), no que xa se recollen os 311 núcleos de poboación existentes, esa agrupación deixou de ter utilidade e mesmo comezou a xerar dificultades na identificación e numeración das vivendas. Por este motivo, o Concello promoveu este proxecto sobre a recuperación da nomenclatura tradicional, que é ademais a que historicamente a veciñanza nas súas aldeas.

Este proceso requiriu tamén do recoñecemento previo dos topónimos por parte do Instituto Nacional de Estadística (INE), paso necesario para a súa incorporación ao padrón municipal e para poder reempadroar aos veciños no seu lugar de residencia exacto.

A iniciativa, promovida polo Concello e financiada integramente con fondos propios, permite así avanzar cara a unha ordenación máis precisa do territorio, ao tempo que contribúe á conservación da identidade e da memoria colectiva do rural larachés.