Desde finais de xuño e ata o remate de agosto este programa volveu ofrecer unha ampla e variada programación de lecer, deporte, natureza e novas experiencias para os diferentes grupos de idade. A resposta da veciñanza foi moi favorable, con máis de 1.000 participacións no conxunto das propostas organizadas.
Un dos principais obxectivos deste ano foi reforzar a oferta de campamentos, ampliando as alternativas para as familias e incorporando novas propostas ás que xa viñan funcionando anteriormente. Os datos avalan esta aposta, xa que os cinco campamentos realizados acadaron unha alta participación. En total, preto de 250 nenos participaron no Campamento Pirata, nas dúas quendas do Campamento de Verán en Caión, no novo Campamento Multideporte e no Divercamp.
No ámbito deportivo mantivéronse os campus de fútbol e baloncesto, que volveron contar cunha boa participación, e o 37º Día da Bici, que reuniu a máis de trescentos ciclistas de todas as idades consolidándose como unha das grandes citas do verán.
Tamén é salientable a alta participación nas diferentes propostas de aventura, natureza, deporte e tecnoloxía coas que se procurou ofrecer experiencias diferentes ao longo do verán, combinando actividades xa consolidadas e que ano tras ano funcionan especialmente ben con novas iniciativas destinadas a ampliar e renovar a oferta municipal. A programación incluíu propostas como o obradoiro de construción dun kart, a ruta a cabalo, a xornada multiaventura en Padrón, a saída ao Urban Planet de Oleiros e o paintball. Entre as actividades dirixidas á mocidade e ás persoas adultas estiveron a saída de dous días ao Pena Aventura Park de Portugal, a realidade virtual e simulador de Fórmula 1, o rafting no río Ulla e o barranquismo en Pontevedra.
Esta programación estival tivo continuidade tamén no Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar, que durante os meses de xullo e agosto e nestes primeiros días de setembro acolleu unha programación de actividades destinadas a todos os públicos. Os diferentes obradoiros infantís desenvolvidos no museo reuniron un total de 113 nenos, mentres que os destinados a persoas adultas contaron con 47 participantes. A programación completouse cunha andaina polo contorno do río Bradoso na que participaron 30 persoas. Estas actividades contribuíron a manter activo o Centro de Interpretación durante o período estival e achegaron á veciñanza o patrimonio natural e etnográfico do municipio.
Estes datos de participación rexistrados ao longo do verán avalan o esforzo realizado para configurar unha programación diversa e de calidade, e reforzan o compromiso municipal de continuar ofrecendo alternativas de lecer, deporte e cultura para todos os públicos.
Nos próximos días o Concello presentará o programa municipal de actividades 2026-2027, que se desenvolverá entre os meses de outubro e maio noutra oferta ampla e diversa dirixida a todos os públicos.
