O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicaba este martes as bases da convocatoria de subvencións municipais dirixidas a entidades culturais, deportivas e educativas, así como a deportistas individuais. A principal novidade desta edición é o incremento da contía destinada a estas axudas, que ascende a 150.500 euros, un 13,5 % máis con respecto ao ano anterior.
Con este aumento do investimento procedente integramente de fondos municipais, o Concello reafirma o seu compromiso co apoio ás asociacións, clubs e colectivos que desenvolven unha importante labor social, cultural, educativa e deportiva no municipio, así como cos deportistas máis destacados que representan á Laracha en competicións de diferentes ámbitos.
A convocatoria mantén as mesmas catro liñas de actuación subvencionables de anteriores anualidades, destinadas a colaborar cos gastos derivados da organización e desenvolvemento de actividades realizadas ao longo do presente exercicio.
No apartado de promoción de actividades educativas inclúense actuacións de carácter cultural ou deportivo desenvolvidas nos centros educativos públicos da Laracha, promovidas polas asociacións de nais e pais ou polos propios centros.
En canto á promoción de actividades culturais, poderán beneficiarse destas axudas as iniciativas orientadas á conservación, promoción e divulgación dos valores culturais, contribuíndo á dinamización das tradicións e a vida social do municipio.
A liña destinada á promoción de actividades deportivas abrangue competicións, escolas, actividades e todas aquelas accións relacionadas co fomento da práctica deportiva e dos hábitos de vida saudables relacionados coa actividade física entre a cidadanía.
Ademais, o Concello continúa apoiando aos deportistas individuais de maior relevancia mediante unha convocatoria específica que permitirá contribuír aos gastos de desprazamento, adquisición de material deportivo e mantemento do mesmo. Para a concesión destas axudas valoraranse os resultados acadados polos deportistas en competicións de ámbito autonómico, nacional e internacional.
As entidades beneficiarias deberán desenvolver a súa actividade no termo municipal da Laracha e carecer de ánimo de lucro. No caso dos deportistas individuais, requírese estar empadroado no concello cunha antigüidade mínima de dous anos consecutivos, dispoñer de licenza deportiva en vigor, non desenvolver a actividade como integrante dun club, asociación ou entidade beneficiaria desta mesma convocatoria e participar en competicións oficiais de ámbito autonómico, nacional ou internacional obtendo resultados destacados.
Estas subvencións municipais son compatibles con outras axudas convocadas por administracións ou organismos públicos e privados para a mesma finalidade. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir de mañá, día seguinte ao da publicación da convocatoria no BOP.