O Concello licitará en próximas datas os novos contratos dos servizos de recollida de residuos sólidos urbanos e de xestión do punto limpo. Actualmente os técnicos municipais traballan na redacción dos pregos que rexerán un único procedemento que estará dividido en dous lotes.
Os novos contratos incorporarán unha serie de melloras dirixidas a seguir avanzando na calidade destes dous servizos municipais e adaptalos ás necesidades actuais que presenta a veciñanza.
Así, no servizo de recollida de residuos sólidos urbanos, unha das novidades máis destacadas será o incremento da frecuencia na época estival da recollida da fracción resto para que tamén se realice os domingos nos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, o período do ano no que máis residuos se xeran. Esta medida, xa se vai poñer en marcha este mesmo verán de acordo con Coregal, a actual concesionaria do servizo, polo que pasará a haber recollida todos os días da semana.
Outra das melloras será a ampliación da cobertura da recollida selectiva no rural para facilitar a reciclaxe en todo o territorio. O Concello instalará novos contedores amarelos de envases para chegar á totalidade dos 311 núcleos de poboación do termo municipal, e tamén se incrementará nas parroquias a cantidade de contedores azuis para papel e cartón, iglús verdes para vidro e colectores da fracción resto. Así mesmo, será mellorado o sistema de limpeza dos contedores.
O novo contrato fará fincapé na necesidade de realizar un uso correcto de cada recipiente por parte dos cidadáns. O Concello reforzará os controis para evitar situacións como o depósito nos contedores de escombro procedente de obras ou de restos vexetais de podas e corte de céspede realizados en vivendas particulares, residuos que deben ser xestionados por outras vías. Ás persoas responsables deste tipo de condutas aplicaránselles as correspondentes sancións económicas.
En canto ao punto limpo, as novas condicións terán en conta a recente ampliación desas instalacións municipais para mellorar o servizo e aumentar a súa capacidade.
Entre as novidades figura o incremento da cantidade máxima de residuos de cada tipo que poderán depositar os usuarios. Tamén se regularizarán servizos que xa se veñen prestando, como é a recepción de pequenos restos de poda, céspede e outros residuos vexetais de orixe doméstica achegados por particulares, así como o depósito de plásticos de silo por parte de persoas non profesionais do sector agrario.
Outra das melloras previstas afectará á recollida de residuos voluminosos a domicilio. O Concello reorganizará este servizo cun novo sistema de funcionamento que permitirá reducir os prazos de espera e ofrecer unha resposta máis rápida ás solicitudes da veciñanza.
O Concello considera que todas estas actuacións permitirán dar un novo paso adiante na mellora destes servizos esenciais para o conxunto da veciñanza. Os novos contrato estarán pensados para responder ás necesidades actuais do municipio, ofrecer maior eficiencia e seguir avanzando nun modelo de xestión dos residuos máis sostible, cunha maior cobertura da recollida selectiva e cun punto limpo que ofrecerá máis posibilidades ás persoas usuarias.