O Goberno local convocará nos próximos días un Pleno extraordinario no que se someterá á consideración da Corporación municipal a proposta para destinar os fondos do POS+ Adicional impulsado pola Deputación da Coruña.
Ao Concello da Laracha correspóndelle unha asignación de máis de 761.000 euros que o Goberno Local proporá destinar á execución de actuacións de mellora da rede viaria municipal para acometer intervencións en diferentes puntos co obxectivo de mellorar o estado e as condicións de uso das vías, e tamén á reforma dunha instalación de titularidade do Concello
Os proxectos que se proporá ao Pleno financiar con eses fondos localízanse na rede viaria na Armada Vello, A Orraca, Trixezo, As Salgueiras e A Ferradura (parroquia de Soandres), Trasande e A Lagarteira (Cabovilaño), O Campo da Costa (Caión), A Xesta e A Abeleira (Soutullo), O Pazo (Vilaño), A Torre, A Cachada e accesos ao CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco (Lestón). En Escurido (Lendo), ademais de renovar a estrada vaise ampliar a rede de saneamento. E a outra intervención prevista é a reforma integral do almacén municipal situado na rúa Ponte da Balsa do núcleo urbano da Laracha.
A proposta permitiría dispoñer dun novo local axeitado para diferentes usos e continuar avanzando nas actuacións de mellora, conservación e renovación da rede viaria municipal, dando resposta ás necesidades detectadas nos núcleos e parroquias obxecto do proxecto. O mantemento das estradas municipais constitúe unha das prioridades da acción do Concello, cuestión especialmente importante nun municipio como A Laracha que destaca pola dispersión territorial e que, por tanto, a rede viaria desempeña un papel fundamental na comunicación entre os máis de 300 núcleos de poboación. Manter estas estradas en boas condicións contribúe tanto á seguridade e comodidade nos desprazamentos diarios como á calidade dos servizos e á conexión entre as parroquias.
