A Laracha volverá a participar en programas xuvenís de intercambio en Venecia e Xeorxia

2 minutes read

Dirixidos a mozos de idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. A preinscrición estará aberta do 28 de maio ao 1 de xuño.

O Concello volverá ofrecer á mocidade larachesa a posibilidade de participar en programas de intercambio xuvenil que se van realizar neste verán nas localidades de Venecia (Italia) e Tiflis (Xeorxia).

No caso de Venecia, esta será a quinta experiencia destas características que oferta o Concello da Laracha grazas á colaboración coa Escuola Polo Tecnico Professionale I.I.S. Venier da localidade italiana, onde serán aloxados os participantes. A viaxe realizarase do 20 ao 27 de xuño.

A viaxe a Xeorxia, a segunda que se levará a cabo a través deste programa, realizarase do 4 ao 11 de xullo en colaboración co Centro de Lengua y Cultura Española “Abanico”. A estancia será nun hotel de Tiflis, e o programa tamén inclúe actividades de carácter recreativo, social, cultural, formativo e convivencial.

Ambos programas van dirixidos a mozos de idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. A preinscrición, exclusiva para empadroados no concello da Laracha, deberá realizarse entre os días 28 de maio e 1 de xuño. Para cada unha das opcións ofertadas hai dez prazas dispoñibles que, de ser necesario, sería sorteadas nun acto público a celebrar o día 2 de xuño na Casa da Cultura.

En ambos casos os participantes viaxarán acompañados por monitores. A cota de inscrición que deberán aboar para o programa en Venecia é de 350 euros e para o de Xeorxia, de 400 euros, que inclúen tanto as viaxes en avión como os desprazamentos en destino, o aloxamento, a manutención en réxime de pensión completa, custe de todas as actividades que se leven a cabo e seguro de accidentes.

Este tipo de iniciativas son resultado das relacións establecidas entre A Laracha e outros municipios e entidades de diversos países do continente no marco dos programas de irmandamento desenvolvidos a través de Europe for Citizens co financiamento da Unión Europea. Así, o Concello contribúe á construción da cidadanía europea, animando á mocidade a aproveitar esta excelente oportunidade para coñecer outros países, idiomas e culturas, ao mesmo tempo que potencia a mobilidade xuvenil, tende pontes para a cooperación transfonteiriza con outros países e proxecta A Laracha cara o exterior.