A nova edición do programa ‘Saudables’ volverá a promover o envellecemento activo na Laracha

3 minutes read

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López, presentaron a nova edición do programa municipal Saudables, unha iniciativa dirixida a promover o envellecemento activo, o benestar persoal e a participación social con actividades que se desenvolverá ao longo dos próximos meses. O programa dá continuidade ao realizado no ano pasado e mantén o obxectivo de ofrecer aos participantes alternativas para manterse activos física e mentalmente, adquirir novas habilidades e favorecer as relacións sociais e a convivencia.

Un dos principais elementos diferenciadores de Saudables é o seu carácter descentralizado, xa que a programación chegará ás parroquias. Desta maneira, o Concello busca facilitar a participación de persoas de todo o territorio, especialmente das residentes en núcleos rurais.

Nesta nova edición de Saudables ofertaranse cinco actividades diferentes:

  • Alfabetización e memoria, con exercicios e actividades destinadas a estimular as capacidades cognitivas, manter a mente activa e traballar aspectos relacionados coa memoria.
  • Alfabetización dixital, orientada a facilitar o manexo das novas tecnoloxías e, especialmente, do teléfono móvil, para que os participantes poidan aproveitar as súas posibilidades e empregalas con maior autonomía na vida diaria.
  • Conecta contigo, unha proposta centrada no benestar emocional que inclúe dinámicas como a risoterapia e a musicoterapia, entre outras actividades destinadas a fomentar a autoestima, a expresión das emocións e as relacións interpersoais.
  • Marcha nórdica, actividade física ao aire libre baseada no desprazamento con bastóns que permite traballar a resistencia, a mobilidade e a condición física nun ambiente de convivencia e contacto coa natureza.
  • Baile en liña, que combina exercicio físico, coordinación e música nunha actividade colectiva pensada para manterse activo dunha maneira dinámica e divertida.

A programación desenvolverase desde o vindeiro mes de outubro e prolongarase ata xuño de 2027, con diferentes horarios e quendas en función de cada actividade e localidade. O cartel coa programación completa, datas, horarios e lugares de realización está xa dispoñible para a consulta da veciñanza.

As inscricións abriranse o 14 de setembro e poderán realizarse no departamento de Servizos Sociais situado no Edificio Administrativo da Laracha ou en liña. A participación é gratuíta e as prazas son limitadas, polo que serán asignadas por orde de inscrición.

O programa Saudables desenvólvese no marco da Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde, coa colaboración do Ministerio de Sanidade, a Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) e a Rede Española de Cidades Saudables (RECS).

Desde o Concello saliéntase a importancia de continuar ampliando a oferta de actividades dirixidas ás persoas maiores e de promover políticas que contribúan a un envellecemento activo, autónomo e participativo. Neste sentido, esta programación combina o exercicio físico, a estimulación cognitiva, a aprendizaxe e as relacións sociais, ao tempo que achega as actividades ás diferentes parroquias para favorecer a igualdade de oportunidades no acceso a este tipo de iniciativas.

Seráns de baile

Outra das propostas municipais de envellecemento activo, os clásicos Seráns de baile dos sábados, retomará a súa actividade no Centro Sociocultural de Paiosaco o 3 de outubro despois do parón dos meses de verán. Esta iniciativa ofrece un espazo de encontro e convivencia arredor da música e o baile, favorecendo ao mesmo tempo a actividade física e as relacións sociais.