A Orquestra de Cámara Galega ofrecerá o sábado 27 de xuño un concerto no Mosteiro de San Pedro de Soandres

1 minutes read

A Orquestra de Cámara Galega ofrecerá o vindeiro sábado 27 de xuño, ás 20:00 horas, un concerto no Mosteiro de San Pedro de Soandres co patrocinio de Red Eléctrica e a colaboración do Concello da Laracha.

O concerto enmárcase no proxecto de difusión musical polo territorio galego que a Orquestra de Cámara Galega vén desenvolvendo desde o pasado ano, unha iniciativa orientada a levar a música clásica e de cámara a diferentes localidades de Galicia, favorecendo o acceso da cidadanía a programacións culturais de calidade fóra dos circuítos habituais.

Baixo a dirección de Rogelio Groba Otero, a Orquestra de Cámara Galega presentará unha proposta musical pensada para dialogar coa singularidade do Mosteiro de Soandres, un espazo patrimonial de grande relevancia histórica e simbólica tanto no municipio da Laracha como na comarca de Bergantiños.

A iniciativa procura unir excelencia artística, proximidade territorial e posta en valor do patrimonio, convertendo ese espazo singular nun lugar de encontro entre a música, a historia e a cidadanía.

O concerto terá entrada libre ata completar a capacidade do recinto.

Fundada en 1995 polo seu director-concertino, Rogelio Groba Otero, a Orquestra de Cámara Galega conta cunha recoñecida traxectoria dentro e fóra de Galicia. Ao longo de tres décadas desenvolveu unha intensa actividade concertística, discográfica e de difusión musical, cun repertorio que abrangue desde o barroco ata a música contemporánea e cunha especial atención á creación galega e á obra de Rogelio Groba Groba.