A Plataforma en Contra da Mina de Coéns reivindica o papel decisivo da veciñanza na denegación do proxecto mineiro Don Sebastián.
Expresan a súa satisfacción pola resolución da Xunta de Galicia que denega o proxecto mineiro Don Sebastián. Trátase dunha noticia moi importante para a veciñanza de Coéns, de Laxe e de toda a Costa da Morte, que leva meses mobilizándose na defensa do territorio.
Ao mesmo tempo, queren deixar claro que esta decisión é o resultado do traballo constante da veciñanza e da sociedade civil. Durante todo este tempo organizáronse reunións informativas, presentáronse alegacións, recolléronse centos de sinaturas, mantivéronse encontros con diferentes administracións e convocáronse actos públicos para informar e defender o futuro da terra.
Por iso, consideran inxusto que agora se pretenda atribuír este resultado a quen non liderou esta loita. O verdadeiro mérito corresponde ás veciñas e veciños de Coéns, á Plataforma en Contra da Mina de Coéns e a todas as persoas e colectivos que colaboraron de maneira desinteresada desde o primeiro momento.
A Plataforma agradece tamén o apoio recibido por parte de asociacións, partidos politicos entidades e cidadáns que demostraron que a unión da sociedade é fundamental para defender o patrimonio natural, a saúde, a paisaxe e o futuro do rural.
Esta resolución supón un paso importante, pero non o final do camiño. Afirman que seguirán atentos á evolución dos expedientes mineiros que afectan ao territorio e continuarán traballando coa mesma responsabilidade e determinación para garantir a protección de Coéns e da súa contorna.
Como a veciñanza non se fía segue en pe a concentración do xoves 30 de xullo as 19:00h na praza dos voluntarios (diante do concello de Laxe).
A Plataforma en Contra da Mina de Coéns reafirma o seu compromiso coa defensa do territorio e lembra que esta é unha vitoria da cidadanía organizada, conseguida grazas ao esforzo colectivo e á perseveranza de quen nunca deixou de loitar.