Desde a súa apertura, o día 15, a bibliopraia recibiu a visita de 136 persoas —96 adultas e 40 nenos e nenas—, realizou 37 préstamos e tramitou tres novos carnés da Rede de Bibliotecas de Galicia.
Entre as obras máis demandadas nestes primeiros quince días destacan os libros infantís, os grandes éxitos de vendas e as novidades editoriais, o que reflicte a diversidade de públicos que se achegan cada tarde á caseta.
A Praia dos Libros tamén está a espertar o interese das persoas que visitan Razo durante as súas vacacións. Polo punto de lectura pasaron turistas de diferentes nacionalidades, entre eles un noruegués que, nun excelente castelán, felicitou o persoal polo atractivo da bibliopraia.
Ás cifras da bibliopraia hai que engadir a excelente acollida das dúas actividades de animación á lectura celebradas nestes primeiros quince días de funcionamento, que volveron converter a praia de Razo nun espazo de encontro entre os libros, a cultura, a lingua galega e o lecer familiar.
A primeira actividade tivo lugar o 20 de xullo coa chegada dos Bolechas e o seu espectáculo Karaoke deportivo, integrado no programa de dinamización lingüística FalaRedes. A emblemática caravana dos irmáns Brais, Carlos, Sonia, Tato, Pili e Loli, acompañados polo seu can Chispa, converteuse nun escenario móbil no que a música, o baile, os xogos e o deporte serviron para fomentar o uso do galego dun xeito lúdico e natural.
Este venres 31 de xullo foi a quenda do Mago Teto, que presentou A incrible historia da maxia ante 139 asistentes, entre persoas adultas e nenos e nenas. A actuación permitiu ao público achegarse á historia da maxia a través de relatos, xogos de ilusionismo inspirados en magos doutros tempos e explicacións dalgúns trucos.
Os espectáculos, organizados pola Concellaría de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, encheron de público a contorna da bibliopraia e confirmaron o interese por este tipo de propostas culturais ao aire libre e dirixidas a toda a familia.
Libros, información e prevención do cancro de pel
A Praia dos Libros estreou este verán unha nova caseta de madeira, máis sostible, cómoda e integrada na contorna natural. Desde este espazo, o persoal das Bibliotecas de Carballo ofrece de luns a venres, entre as 15.00 e as 19.00 horas, servizos de préstamo, tramitación de carnés e información sobre a programación cultural e medioambiental do Concello.
As persoas usuarias poden atopar os últimos éxitos literarios, publicacións infantís e xuvenís, revistas e materiais informativos sobre iniciativas como o programa Eu quero Razo-Baldaio.
A bibliopraia tamén colabora coa Asociación Española Contra o Cancro na difusión da campaña de prevención do cancro de pel. Na caseta están dispoñibles materiais divulgativos e recomendacións para favorecer unha exposición solar segura e promover o coidado da saúde durante a estancia na praia.
“Estamos moi satisfeitos coa resposta destes primeiros días. A nova caseta permítenos ofrecer un servizo máis cómodo e de maior calidade, pero sobre todo consolida Razo como un lugar no que a natureza, o lecer, a cultura e o benestar van da man”, sinalou a concelleira Ángeles Pacoret.
Próxima cita, o 28 de agosto
A programación complementaria da Praia dos Libros continuará o venres 28 de agosto, ás 18.00 horas, co espectáculo Mere-cidamente, de David Merelas Figueroa, incluído no programa Ler Conta Moito.
A proposta está dirixida ao público maior de cinco anos e combina clown, malabares, equilibrios, lume, humor e unha intensa participación do público.
Durante os 50 minutos de duración do espectáculo, un torpe artista itinerante fará a súa entrada na vila disposto a triunfar, aínda que todo comezará a complicarse cando o seu axudante non apareza. Erros, números frustrados, unha vasoira vivente, un “monstro” con chapuzón incluído e numerosas situacións inesperadas acompañarán o protagonista ata descubrir que, en realidade, o espectáculo nin sequera tiña que celebrarse nesa vila.
A actividade será de acceso libre e de balde e desenvolverase na contorna da Praia dos Libros de Razo.