Arredor de 300 mozos e mozas danse cita no II Encontro Bergantiñán, unha iniciativa que medra en ambición e participación para demostrar que a cultura galega é un motor de diversión moderno e sen etiquetas.
Unha rede que suma centros de ensino e asociacións
Este encontro non é un evento illado, senón o froito dunha intensa rede de traballo cooperativo entre o profesorado, o CFR da Coruña, o vibrante tecido asociativo da comarca e a partcipación dos concellos. Nesta edición, ademais do estudantado, o evento contará coa participación activa de alumnado vinculado a asociacións de referencia como Raigañas de Cerqueda, a Asociación Inllar de Ponteceso e Nemeth de Carballo, garantindo unha conexión real entre as aulas e a tradición viva que se transmite de xeración en xeración.
Os sete centros educativos que lideran esta rede son: o IES Eduardo Pondal (Ponteceso), os tres institutos de Carballo (IES Parga Pondal, IES Alfredo Brañas e IES Monte Neme), o CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco), o CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños e o IES Pedra da Aguia (A Ponte do Porto, Camariñas).
Novas formas de lecer en galego na Semana das Letras
Para a organización, o obxectivo pedagóxico vai máis alá da aula: é fundamental que a rapazada descubra e experimente outras formas de divertirse onde a música en galego sexa o elemento predominante. Por este motivo, o encontro encádrase estratexicamente na semana das Letras Galegas, que este ano homenaxean a Begoña Caamaño, reforzando a idea de que a nosa lingua é o vehículo dun lecer potente e compartido.
O espírito central do evento é iniciar ao alumnado no baile tradicional, facendo que bailen arredor de 300 rapaces da comarca unhas cuantas muiñeiras. O repertorio combinará pezas de raíz, como a Muiñeira de Limiñoa, con momentos para a música que hoxe lidera as plataformas dixitais. Durante a merenda e os descansos, soarán artistas como LG1DO, 9Louro ou Kid Mount, demostrando que o galego é unha lingua que serve para todos os estilos musicais, de feito agora mesmo «estao petando» na escena urbana actual.
A retranca escolar: Final da Liga de Regueifa
O comezo da mañá vai a ser coa final da Liga Escolar de Regueifa 2025/2026. Tras meses de práctica na improvisación oral, o alumnado demostrará a súa axilidade mental ante un xurado formado por:
- Julia Ures Villar, Técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ponteceso.
- Carme Pereiro, Técnica de Normalización Lingüística do Concello de Carballo.
- Fátima Souto Muñiz, profesora de Lingua Galega e Literatura no CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco.
Programa detallado (Mércores, 13 de maio):
- 10:00 h: Inauguración oficial.
- 10:15 h: Participación do alumnado na final da Regueifa.
- 11:20 h: Baile da muiñeira tocada con gaita.
- 11:25 h: Baile da muiñeira cantada (Muiñeira de Limiñoa).
- 11:30 h: Merenda con música urbana.
- 12:00 h: Foliada con música ao vivo interpretada pola rapazada.
- 12:45 h: Entrega dos Premios da Regueifa.
- 12:55 h: Clausura da xornada.
O evento conta coa colaboración imprescindible dos Concellos de Ponteceso, Carballo e Camariñas e o CFR da Coruña, que apostan decididamente por fomentar espazos de convivencia saudable e orgullo identitario para a mocidade de Bergantiños.