A Praza do Concello de Carballo acollerá do 9 ao 12 de xullo unha nova edición da Praza dos Libros, este ano co lema Vinte na PLIC! para celebrar dúas décadas de traxectoria como unha das grandes citas culturais do verán. A feira desenvolverase en horario de mañá e tarde, de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas, con librarías, editoriais, autoras e autores, música, actividades familiares e propostas para todos os públicos.
A programación, presentada este xoves no palco da Praza do Concello, abrirase o xoves 9 ás 11.00 horas, e ás 12.30 horas terán lugar a inauguración e o pregón a cargo de Pedro Feijoo, acompañado pola Banda Municipal de Gaitas. Ao longo das catro xornadas participarán, entre outros nomes, Alberto Varela Ferreiro, Xabier Quiroga, Fran Alonso, Xan Fraga, Arantza Portabales, Marta Villar, Roberto Cagiao, Farruco Graña, María Solar, Marcos Emilio Castelo Amado, Xaime Toxo e Cecilia F. Santomé, e ademais haberá propostas musicais, obradoiros, contacontos e espectáculos infantís.
Na presentación do programa contouse coa participación dunha ampla representación das librarías participantes, así coma das entidades colaboradoras, entre as que destacan a Deputación da Coruña, Muebles Luis e a Fundación Luis Calvo Sanz. No nome desta última, Luciano Calvo destacou que “poucos sitios teñen un lugar tan representativo como a feira de Carballo para facer unha feira do libro” e expresou o seu desexo de seguir participando “outros vinte anos máis”.
Moito máis ca unha feira
A concelleira de Bibliotecas, Ángeles Pacoret, destacou que a Praza dos Libros “é moito máis ca unha feira: é un espazo de encontro entre quen escribe, quen le, quen edita e quen vende libros, pero tamén entre xeracións, familias e veciñanza”. Estes vinte anos de historia demostran que Carballo ten unha relación moi viva coa lectura e coas súas librarías, e este ano o cartel é un reflexo desta traxectoria: “Son vinte libros formando un iris que mira á historia da Praza dos Libros e que interpela ás persoas que por alí pasaron”, explicou a concelleira.
Ánxeles Pacoret fixo un breve percorrido polo programa, que atoparedes máis abaixo, pero detívose en dous dos actos programados para este ano. O venres 10, a PLIC será escenario dunha homenaxe a Fernando Cabeza Quiles, “unha figura fundamental na divulgación da nosa cultura, investigador incansable e referente no ámbito da toponimia”. E ese mesmo día inauguraremos a Noite PLIC, unha proposta que vai máis alá do ámbito da feira e que este ano terá como protagonista a Xurxo Borrazás, que foi, precisamente, o primeiro pregoeiro da Praza dos Libros. Nesta actividade colabora a Asociación Cultural Lumieira, que celebra o seu 50º aniversario cun posto na PLIC. A súa presidenta, Carolina Carreira Pacoret cualificou coma “un orgullo” a posibilidade de compartir espazo coas librarías.
A Deputación trae a Begoña Caamaño
Pola súa banda, a deputada provincial de Lingua, Sol Agra, puxo en valor a Praza dos Libros de Carballo como un espazo “público e cotiá” onde “se celebra a nosa cultura e a nosa lingua, creando comunidade arredor da lectura en galego”. Trátase, dixo, dunha feira “de referencia na comarca, na provincia e no país, que converte o libro galego e as súas creadoras e creadores en protagonistas da vida pública combinando literatura, música, actividades familiares e participación cidadá”.
“Desde a Deputación da Coruña queremos recoñecer o compromiso do Concello de Carballo, das librarías, das editoriais e de todas as persoas que fan posible unha programación de calidade como esta, aberta a todos os públicos e cunha clara aposta pola creación en galego”, afirmou Agra. “Por iso”, engadiu, “dende a área de Lingua da Deputación apoiamos esta gran cita, levando á nosa homenaxeada Begoña Caamaño a esta praza, a través de diferentes propostas artísticas”.
A memoria de Begoña Caamaño estará presente de maneira destacada na programación do domingo 12, coa presentación-recital Os fíos de Begoña, unha achega en palabras, música e imaxes á vida de Begoña Caamaño, a partir do álbum ilustrado de Eva Mejuto, con música de Marcelo Dobode. A cita será ás 19.00 horas.
Unha cita de referencia
O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, puxo en valor a continuidade dun proxecto “que forma parte da identidade cultural do concello. A Praza dos Libros consolidouse como unha cita de referencia porque nace da colaboración entre o Concello, as librarías, as editoriais, o tecido cultural e a propia cidadanía. Esa suma de esforzos é a que permite que Carballo siga sendo un lugar no que a cultura ocupa o espazo público”, afirmou.
O rexedor destacou que a feira “contribúe a dinamizar a vila, apoiar o comercio local e reforzar o papel de Carballo como capital cultural da comarca”. “Durante estes días, o libro galego sae á rúa e convértese nun punto de encontro. Esa é unha das mellores maneiras de celebrar a nosa lingua, a nosa creatividade e o talento das creadoras e creadores do país”, engadiu.
10% de desconto
Durante toda a feira haberá un 10 % de desconto en todos os libros, así como premios pola compra de exemplares. Ademais, o programa inclúe accións especiais como Un libro, un pan, o domingo pola mañá, na que as persoas que merquen un libro serán agasalladas cun pan de Carballo, e Libros con atún, o xoves pola mañá.
Nesta edición participan as librarías Á lus do candil, Brañas Verdes, Trasgo, Teldy, Clarión, Espazo Lector Nobel, Editorial Canela e A.C. Lumeira. A Praza dos Libros está organizada pola Concellaría de Bibliotecas do Concello de Carballo.
Programa completo
Xoves 9 de xullo
11.00 h
Comezo da Praza dos Libros 2026.
Toda a mañá
Libros con atún. As persoas que merquen un libro serán agasalladas cun paquete de conservas Calvo.
Toda a mañá
Animación na feira coa Real Banda de Cadeiras Encartables.
12.30 h
Inauguración e pregón de Pedro Feijoo, coa actuación da Banda de Gaitas de Carballo.
18.00 h
Contacontos musical infantil Os rizos de Lia.
19.00 h
Alberto Varela Ferreiro presenta O dragón anano, acompañado por Xaime Díaz.
19.00 – 21.00 h
Xogos populares con Os Biosbardos.
20.00 h
Xabier Quiroga presenta Alguén ao lado, acompañado por Marta Seoane.
21.00 h
Fran Alonso presenta Cáncara, acompañado por Patricia Blanco.
Venres 10 de xullo
12.00 – 14.00 h
Retransmisión en directo do programa de Radiovoz Voces de Bergantiños, na lembranza de Fernando Cabeza Quiles.
12.00 h
Obradoiro infantil Animais imaxinarios, con Noelia Paz.
18.30 h
Espectáculo de maxia infantil As viaxes máxicas de Charly Braun.
19.00 h
Sinatura de autores: Xavier Alcalá, Manel Cráneo, Silvia Tasende e Diana Varela Puñal.
Asinarán exemplares de Cinza, Pel Memoria e Serea e Ulises.
20.00 h
Xan Fraga presenta Crónicas de Carballo V, acompañado por Desirée Domínguez Pallas.
21.00 h
Arantza Portabales presenta Asasinato no muíño do cura, acompañada por María Nieto.
A partir das 22.00 h
Noite PLIC con Xurxo Borrazás, estrea dunha nova placa do Mapa Literario na taberna O Bodegón.
Sábado 11 de xullo
12.00 h
Presentación-dinámica infantil con Marta Villar sobre o libro O misterio dos gatos rosas.
13.30 h
Regueifa. Exhibición da Escola de Regueifa de Carballo.
18.00 – 21.00 h
Retratos con Retranca: a caricatura, a cargo de Mon Lendoiro, Cristina Santiago e Santi Picos.
18.30 h
Espectáculo infantil Can de palleiro (outro circo na biblio), con Dani Blanco.
20.00 h
Roberto Cagiao presenta Cadea de favores, acompañado por Marta Villar.
21.00 h
Farruco Graña presenta Eu voun navegar, acompañado por Xan Fraga.
Domingo 12 de xullo
Toda a mañá
Un libro, un pan. Todas as persoas que merquen un libro serán agasalladas cun pan de Carballo.
12.00 h
María Solar presenta As malas ideas, acompañada por María Rei Vilas.
13.00 h
Concerto Blues do país, con Sesión Vermú.
18.00 h
Concerto infantil Contos grandes e pequenos, con Paco Nogueiras.
19.00 h
Presentación-recital Os fíos de Begoña, unha achega en palabras, música e imaxes á vida de Begoña Caamaño, a partir do álbum ilustrado Os fíos de Begoña, de Eva Mejuto, con Marcelo Dobode.
19.00 h
Sinatura de autores: Marcos Emilio Castelo Amado e Xaime Toxo.
Asinarán exemplares de Historia das parroquias de Carballo. O catastro de 1750 e Só navego na voz con que dis o meu nome, respectivamente.
20.00 h
Cecilia F. Santomé presenta Boundaries Road, acompañada por Carme Pereiro.
21.00 h
Remate da Praza dos Libros 2026.