A Semana do Medio Ambiente de Carballo aposta este ano pola divulgación científica para todas as idades

3 minutes read

O Concello de Carballo celebrará do 1 ao 5 de xuño a Semana do Medio Ambiente, unha iniciativa que fusiona a divulgación científica, a sensibilización ecolóxica e a participación cidadá. O programa presentouse na Praza de San Cristovo nun acto que contou coa presenza do alcalde de Carballo, Daniel Pérez; o concelleiro de Medio Ambiente e Servizos, Miguel Vales, e o concelleiro de Innovación, Formación, Emprego, Fondos Europeos e Axenda Urbana, Iván Andrade.

As actividades están vinculadas ao Proxecto TALK0 (Talento quilómetro cero), enmarcado no programa europeo MSCA and Citizens e financiado pola Unión Europea, que busca potenciar a transferencia de coñecemento e o talento científico a nivel local. Todas as propostas requiren inscrición previa a través da páxina web carballo.gal.

O programa, día a día

O bloque dirixido ao público mozo (a partir de 12 anos) e adulto centrarase en tres obradoiros prácticos e teóricos impartidos polo Grupo de Investigación en Cambio Ambiental e Paleobioloxía (GRICA-BIOpast) da Universidade da Coruña (UDC). Máximo 1 por persoa. Estas sesións terán lugar ás 17.00 horas nas Escolas do Xardín Agra de Caldas:

  • Luns, 1 de xuño: Reconstrucións Climáticas, unha sesión para comprender os métodos de estudo do clima do pasado.
  • Mércores, 3 de xuño: Paleontoloxía 3D, centrada na dixitalización 3D de mostras paleontolóxicas.
  • Venres, 5 de xuño: Que nos contan os fósiles?, onde as persoas participantes poderán elaborar moldes e réplicas de fósiles.

Para persoas adultas (a partir de 18 anos) tamén se levará a cabo unha ruta guiada por Aldemunde, última actividade do programa MercaEscola (adiada por mor da alerta por tormenta deste luns pasado), pero que, dado o gran interese que espertou, ábrese á participación doutras persoas.

Aínda haberá outra saída máis. O xoves, 4 de xuño, ás 17.00 horas (cunha duración aproximada de 3 horas), o Grupo Naturalista Hábitat guiará unha sesión divulgativa e saída de campo centrada nas Herbas de San Xoán, pensada para a participación de persoas adultas pero tamén de nenos e nenas a partir de 10 anos.

O venres, 5 de xuño, coincidindo co Día do Medio Ambiente, a Praza do Concello acollerá a partir das 17.00 horas un circuíto lúdico-científico deseñado para nenos e nenas de 4 a 10 anos. Este espazo contará con cinco estacións interactivas:

  • O sandwich da Terra: Obradoiro sobre estratos e sedimentos comestibles.
  • Cazadores de pegadas: Creación de fósiles e modelado 3D con plastilina.
  • Cristais magnéticos: Simulacións científicas con limaduras e imáns.
  • O puzzle do clima: Un xogo de asociación directo e sen pantallas.
  • Lupas e micro-mundos: Observación directa da natureza con material óptico.

Medio ambiente e investigación

O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, destacou o valor de conectar coa contorna natural máis próxima: “É fundamental que as xeracións máis novas aprendan a respectar e protexer a biodiversidade que nos rodea, comezando por tradicións tan nosas como as herbas de San Xoán ou entendendo o funcionamento do noso planeta a través do xogo”.

Así mesmo, o concelleiro de Innovación, Iván Andrade, puxo o foco no prestixio das actividades programadas: “Contar co equipo de investigación da Universidade da Coruña para impartir obradoiros de paleobioloxía e tecnoloxía 3D en Carballo é un luxo que demostra o noso compromiso coa divulgación científica accesible, rigorosa e de calidade para toda a cidadanía”.

O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, subliñou a importancia de abrir as portas da ciencia a toda a veciñanza: “Con esta Semana do Medio Ambiente queremos que Carballo sexa un espazo de aprendizaxe para todos os públicos. Grazas ao proxecto TALKO, traemos ciencia de vangarda á rúa para que tanto a infancia como a poboación adulta comprendan de xeito práctico os retos climáticos aos que nos enfrontamos, demostrando que a sustentabilidade se constrúe desde o ámbito local”.