- Dous combinados da SD Sofán e do Sofán-Aspaber xogarán este venres 27 un partido a beneficio da Cruz Vermella
Este venres 27 ás 18.00 horas, o campo do Carral encherase de solidariedade cun partido único. “Carballo é un concello solidario”, así o lembrou este xoves o alcalde, Evencio Ferrero, na presentación do partido a beneficio da Cruz Vermella no que participarán membros do SD Sofán e de Aspaber. Estiveron presentes o presidente da SD Sofán, Ricardo Serrano; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; o presidente da Asemblea Local de Cruz Vermella, Roberto Mallo, e a técnica da entidade Ana Veira.
Os equipos serán mixtos, formados tanto por xogadores da SD coma do Sofán-Aspaber, “que é a nena bonita do club dende hai un ano”, asegurou Ricardo Serrano. O obxectivo desta iniciativa é dobre, engadiu: “Por unha parte, colaborar coa Cruz Vermella unha vez máis, e, por outra, darlles actividade aos xogadores do Sofán-Aspaber, que están todo o ano adestrando e failles moita ilusión”, asegurou Serrano.
O presidente da Cruz Vermella agradeceu á SD Sofán “que un ano máis se lembre de nós”, e destacou especialmente que este tipo de iniciativas contribúen a darlle visibilidade a campañas como a de recollida de xoguetes.
As persoas que se acheguen ata O Carral “pagarán” a súa entrada cun xoguete ou con alimentos non perecedoiros, que serán doados á Cruz Vermella para as súas campañas. O alcalde subliñou o feito de que a oenegué dedique a súa “acción diaria a pensar nas persoas con máis necesidades”, e nese sentido expresoulle o “agradecemento e recoñecemento” do Concello de Carballo. Así mesmo, louvou a entidades que, como a SD Sofán, “están sempre, porque son os imprescindibles”.