Desde a Unión Sindical Obreira (USO) emitiron un comunicado no que comparten a preocupación pola perda de poder adquisitivo dos salarios, o encarecemento da vivenda, a precariedade laboral e as dificultades que atravesan miles de familias para chegar a fin de mes. Afirman que son problemas reais, graves e que esixen solucións urxentes.
En todo caso, a USO considera que unha folga xeral debe ser unha ferramenta de presión sindical eficaz, cunha estratexia definida, uns obxectivos concretos e interlocutores con capacidade real para negociar e asumir compromisos.
A convocatoria do 11 de novembro prodúcese nun escenario especialmente singular: cun Goberno en funcións, o Parlamento disolto e unhas eleccións xerais previstas para o 29 de novembro. «Para a nosa organización, estas circunstancias dificultan que unha mobilización destas características poida traducirse en compromisos lexislativos inmediatos», afirman.
«Non secundar esta folga non significa renunciar á mobilización. Significa defender que cada mobilización debe responder a unha estratexia sindical coherente e ter posibilidades reais de acadar resultados», conclúen.
