A USO destaca a solidariedade de Carballo e da Costa da Morte na recollida de axuda humanitaria para Venezuela

2 minutes read

A campaña de recollida de axuda humanitaria para Venezuela, desenvolvida durante as últimas semanas, remata cun balance moi positivo, tras contribuír ao envío de preto de 80 quilos de medicamentos, ademais doutros artigos de primeira necesidade.

Esta cantidade acadouse grazas á colaboración de diferentes puntos de recollida, entidades, colectivos e persoas solidarias. A achega realizada desde Carballo e o conxunto da Costa da Morte foi fundamental e representa unha parte moi importante de todo o material enviado.

Durante a campaña, a cidadanía implicouse realizando doazóns, difundindo a recollida e colaborando na recepción, clasificación e preparación do material.

Carballo, como cabeceira da comarca, e a Costa da Morte no seu conxunto volveron demostrar a súa enorme calidade humana, a súa sensibilidade social e a súa capacidade de resposta ante situacións nas que a solidariedade resulta imprescindible.

A participación recibida constitúe un exemplo de como a suma de moitas achegas, grandes ou pequenas, pode converterse nunha axuda esencial para as persoas que atravesan momentos de especial dificultade.

Esta primeira recollida remata cun resultado moi satisfactorio, aínda que non se descarta a organización de novas campañas durante o vindeiro mes de setembro, co obxectivo de continuar canalizando axuda humanitaria e atendendo as necesidades que poidan xurdir.

Desde a Unión Sindical Obreira —USO— queren trasladar un profundo agradecemento a todas as persoas, establecementos, entidades e colectivos que colaboraron e fixeron posible esta acción solidaria.

A Unión Sindical Obreira estará sempre disposta a colaborar con esta e con outras iniciativas que contribúan a axudar a quen máis o necesita, poñendo os seus medios, a súa estrutura e o seu compromiso social ao servizo da solidariedade.

Cada medicamento e cada artigo achegado representan moito máis ca unha doazón: representan proximidade, esperanza e o compromiso dunha comarca que, unha vez máis, demostrou que a solidariedade non entende de fronteiras.