Esta senda está ubicada na estrada AC-552, ao paso por Nantón, en Cabana de Bergantiños e adxudicouse por importe de 356.106€. Esta actuación conta con financiamento de fondos europeos FEDER e as obras terán un prazo de execución de seis meses.
Esta actuación, adxudicada á empresa Construcciones Ponciano Nieto S.L., dá resposta ás necesidades en materia de seguridade e mobilidade sostible da veciñanza desta contorna, xa que ao longo deste tramo hai moitos equipamentos e servizos, polo que a senda favorecerá os desprazamentos seguros e cómodos dos veciños. A través do itinerario poderase acudir ao centro de saúde, á parada de autobús, á farmacia, ou ao campo de fútbol.
A senda permitirá facilitar tamén os desprazamentos seguros dos usuarios da Asociación Íntegro, dedicada a persoas con diversidade funcional, aos distintos servizos nesta contorna.
Ademais da construción da propia senda, levaranse a cabo outras actuacións relativas á canalización de pluviais ou á instalación de telecomunicacións; e renovarase a sinalización.
Cómpre lembrar que esta intervención se enmarca no Plan de Sendas de Galicia da Xunta, cuxa 2ª fase está en pleno desenvolvemento para acometer 120 quilómetros de itinerarios nas marxes das estradas autonómicas. Estes percorridos sumaranse aos máis de 300 quilómetros xa executados nunha 1ª fase no conxunto da comunidade.