A Xunta aproba definitivamente a senda peonil que conectará Corme Aldea e Corme Porto

2 minutes read

O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, anunciou este martes a aprobación definitiva por parte da Xunta de Galicia do proxecto para a construción dunha senda peonil segura que conectará Corme Aldea con Corme Porto.

A aprobación do proxecto produciuse no Consello da Xunta celebrado onte e supón un importante avance para unha actuación que o goberno local considera prioritaria pola súa incidencia na seguridade viaria.

Mato destacou que se trata dunha das rutas máis utilizadas pola poboación e subliñou a importancia da actuación para mellorar a seguridade da veciñanza. “Conectar con seguridade estes núcleos de Corme era un dos nosos grandes obxectivos. Ata agora, os peóns desprazábanse pola calzada entre Corme Aldea e Corme Porto, o que supón un enorme perigo para a súa integridade”, sinalou o alcalde”, afirmou.

O alcalde quixo agradecer expresamente á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e á directora xeral, Begoña Freire, a súa disposición e colaboración para facer realidade unha actuación “tan demandada polo Concello e pola veciñanza”.

Agora, tras a aprobación definitiva, a Xunta de Galicia avanzará agora na supervisión do proxecto construtivo, como paso previo á licitación das obras.

Unha senda de 685 metros e 565.000 euros de investimento

A senda permitirá executar a conexión peonil entre Corme Aldea e Corme Porto mediante un tramo acondicionado xunto á estrada autonómica AC-424. O proxecto contempla a construción dunha senda de 685 metros de lonxitude, cun investimento aproximado de 565.000 euros.

A actuación desenvolverase entre os puntos quilométricos 6+665 e 7+356 da estrada autonómica, pola súa marxe esquerda. Neste último punto, a nova senda conectará coa infraestrutura peonil xa existente que continúa ata Corme Porto. O itinerario terá algo máis de dous metros de ancho, un acabado en cor terra e un arcén de medio metro ao longo de todo o percorrido. Ademais, entre os puntos quilométricos 6+728 e 7+356 incorporarase unha cuneta previa á senda.

O proxecto tamén contempla a construción dun muro de contención de formigón armado nas proximidades do punto quilométrico 7+120. Esta solución permitirá reducir a afección sobre unha vivenda e minimizar as escavacións necesarias para executar a senda.

A actuación inclúe a pavimentación das entradas e accesos que atravesen o novo itinerario, as correspondentes obras de drenaxe e a preinstalación dos servizos necesarios para futuras redes de telecomunicacións e abastecemento.