A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asinou co alcalde de Fisterra, Luís Manuel Insua lago, o convenio de colaboración para a mellora e pavimentación da praza do Campo. No acto de sinatura tamén estiveron o secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas.
Esta actuación, que suporá un investimento total de preto de 35.000 euros, levarase acabo ao abeiro do Plan Hurbe impulsado polo departamento que dirixe M. Allegue, co que se contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais da comunidade.
Segundo recolle o documento asinado hoxe en San Caetano, A Xunta, a través desta cooperación achegará o 70% do orzamento desta intervención, con case 24.000 euros, contratará e executará as obras.
O Concello de Fisterra asumirá o 30% restante do custe das obras, algo máis de 10.000 euros, e corresponderalle o mantemento e conservación das actuación executadas.
Estas intervencións enmárcanse na continuada colaboración entre a Xunta e as entidades locais para a execución de obras e outras actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.
Ademais, a través de distintas medidas e de liñas de colaboración como o Plan Hurbe, a Xunta contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais da comunidade como motores de dinamización, ao converterse en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.