A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, rematou as obras programadas para reducir o risco de inundacións no concello de Carballo, cun investimento total de máis de 6,3 millóns de euros.
O organismo autonómico recibiu este martes oficialmente a última das actuacións previstas no marco do convenio de colaboración asinado entre o Executivo autonómico e o Goberno local: a mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso polo enlace AG-55 e AC-552 na rúa da Cepeira, na parroquia de Santiago de Sísamo.
Os traballos nesta zona, cun investimento de máis de 1,2 millóns de euros, buscaban corrixir a pouca luz da ponte existente na contorna e o impacto dos terrapléns situados a ambas marxes da mesma así como a presenza de vexetación que provocaban que en episodios súbitos de aumento do caudal provocasen desbordamentos e inundacións.
O proxecto tivo como fin aumentar a capacidade de desaugue da estrutura creando unha canle de drenaxe transversal paralela á ponte que actúa como by-pass en épocas de incrementos do caudal así como a construción dun marco de formigón na zona.
Esta obra foi a última das cinco de grandes dimensións -cofinanciadas co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder)- recollidas no convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello para mellorar a capacidade de desaugue do río e reducir asolagamentos na zona urbana de Carballo, que está identificada como área de risco potencial significativo de inundación (Arpsi).
As outras actuacións desenvolvidas consistiron na construción dunha canle de derivación na zona do muíño do Quinto e na remodelación integral do parque de San Martiño así como da ponte da rúa Sol, onde tamén se creou unha canle de augas altas. A maiores, tamén foi preciso derrubar unha ponte na rúa Fomento e unha edificación na rúa Sol. Todas estas intervencións demostraron xa a súa efectividade no pasado inverno ao minimizar o impacto das intensas choivas e evitar que se producisen inundacións.