A Xunta destaca a consolidación do ‘mercaedillo’ como foco de atracción comercial en carballo

1 minutes read

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu na mañá deste sábado ao MercaEdillo organizado polo Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo e apoiado pola Xunta no marco das axudas a este tipo de entidades. Alí, destacou a ampliación da feira a tres días, consolidándose entre onte e mañá no rego da Balsa como unha cita imprescindible á hora de dinamizar as vendas de proximidade.

O representante autonómico puxo en valor os 21 postos establecidos e os 16 comercios que se suman desde os seus propios locais con descontos de ata o 80 % en moda, calzado, deporte, alimentación, xoguetes, complementos ou produtos de segunda man. Amosouse convencido de que a apertura do mercado como novidade desde o venres pola mañá contribuirá a dinamizar o consumo local durante toda a fin de semana, ao igual que as actividades infantís programadas, coa Pequefeira de mañá como referencia central para implicar as novas xeracións na valorización do comercio, xunto cos obradoiros de galletas artesanais desta tarde.

Ao abeiro desta iniciativa, instalouse tamén un posto informativo da campaña autonómica Comercio Compensa, coa que o Goberno galego promove hábitos de compra máis responsables, fomenta o uso de alternativas reutilizables e pon en valor o comercio de proximidade. Así, todas as persoas que presenten un tícket de compra recibirán unha bolsa de tea coa imaxe da campaña, ata esgotar existencias.