A Xunta destina máis de 47.000 euros a mellorar o seu centro de día en Cabana de Bergantiños

2 minutes read

A Xunta de Galicia destinará máis de 47.000 euros a mellorar o centro de día de Cabana de Bergantiños, pertencente á rede pública autonómica. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, fixo este anuncio este venres tras visitar este equipamento.

As obras consistirán en dotar este recurso dunha nova instalación de climatización nas salas principais, que teñen un maior uso por parte dos usuarios. Así mesmo, acondicionarase o patio exterior e o xardín e mellorarase o funcionamento da caldeira.

Estas obras xa foron contratadas polo ente autonómico e fináncianse con fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), a través dun plan de melloras dos centros de maiores do Consorcio que se están levando a cabo este ano por un importe total de 1,7 millóns de euros.

Obras na escola municipal

Perfecto Rodríguez tamén visitou a escola infantil municipal, na que igualmente se levarán a cabo traballos de mellora. Neste caso, a actuación programada contempla a substitución do pavimento actual das instancias principais, o cambio e ampliación do sistema de calefacción existente por outro máis eficiente de baixo consumo e a mellora do acceso á escola.

O Consorcio financiará con case 49.000 euros estas obras, para o que xa asinou un convenio de colaboración co Concello. A Administración local, pola súa parte, encargarase da licitación, adxudicación e seguimento da actuación, que se desenvolverá durante estes meses de verán aproveitando que non hai actividade na escola.

A mellora deste centro 0-3 forma parte dun programa de intervencións en escolas infantís públicas toda Galicia, de titularidade municipal e autonómica. A Xunta destina a estas actuacións preto de 980.000 euros procedentes do Fondo de Cohesión e Transformación Social (FCT).  Con estes fondos acométense obras de reforma, de ampliación, de renovación de cubertas e fachadas ou de equipamento, en función das necesidades que teñan os centros.