O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegáronse na tarde deste luns á Casa do Oleiro de Buño, en Malpica de Bergantiños, para visitar a última xornada do curso de Perfeccionamento en técnicas da olería tradicional de Buño, impartido desde o mes de febreiro por un oleiro da vila. Esta formación enmárcase no programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, impulsado pola Xunta desde o ano 2023 co obxectivo de conservar, transmitir e poñer en valor o saber asociado aos oficios tradicionais galegos.
Trátase da terceira acción formativa especializada centrada integramente nas formas e acabados tradicionais da olería de Buño, tras os cursos desenvolvidos entre os anos 2023 e 2025. Buño é un dos principais centros de olería tradicional activos en Galicia e o que conta na actualidade cun maior número de obradoiros artesanais.
A celebración destas formacións especializadas reflicte a aposta da Xunta pola remuda xeracional nos oficios tradicionais e, de maneira especial, na olería de Buño, xa que nestes cursos participan tanto oleiros e ceramistas profesionais como novos talentos interesados en incorporarse ao sector artesanal. Esta aposta abarca iniciativas como a futura e nova liña de 1 M€ para a formación de aprendices en oficios artesanais.
Aprender da tradición. Oficios e técnicas é un programa pioneiro en España impulsado pola Xunta, orientado a mellorar a profesionalización dos artesáns en activo, atraer talento novo ao sector e contribuír á remuda xeracional nos oficios máis tradicionais. Posto en marcha a finais de 2023, constitúe unha estratexia enfocada a garantir a continuidade do sector artesanal galego como elemento vertebrador do territorio e fixador de poboación, especialmente no ámbito rural.
Desde o inicio do programa en 2023 desenvolvéronse tamén cursos especializados en ourivería, tapicería tradicional, xastrería, sombreirería, madeira, confección de roupa, pasamanería, marroquinería, tecido tradicional, talla de acibeche e forxa. Nos próximos meses completarase a oferta formativa co obxectivo de seguir ampliando o abano de oficios tradicionais nos que asegurar a transmisión do coñecemento e o relevo xeracional.