A Xunta mantén a situación de prealerta por escaseza moderada de auga no sistema do río Anllóns

2 minutes read

A Xunta mantén a situación de prealerta por escaseza moderada de auga nos sistemas do río Lérez, na provincia de Pontevedra, e do río Anllóns e Costa da Coruña ata o límite con Arteixo. Así mesmo, tamén se conserva a aplicación de medidas equivalentes a un escenario de prealerta (pero sen chegar a declarala) no subsistema de Baiona, pertencente á unidade territorial río Verdugo e desde o cal se abastece a poboación deste municipio pontevedrés.

Así o acordou este venres a Oficina Técnica da Seca, que estivo presidida polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, e na que participaron outros cargos directivos do organismo hidráulico, así como representantes de Protección Civil, de MeteoGalicia e das Consellerías de Sanidade e do Medio Rural.

Durante a reunión, os técnicos tiveron en conta tanto os datos meteorolóxicos dispoñibles como a evolución dos caudais circulantes mensuais nos ríos da conca e outros indicadores de seca e escaseza, tal e como se recolle no protocolo establecido no Plan especial de seca de Galicia-Costa.

En canto ao conxunto da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, a situación é de normalidade cunha ocupación actual dos encoros de abastecemento en Galicia-Costa do 83,09%, sendo un 10,7% inferior á do ano pasado.

A situación de prealerta por escaseza implica a realización dun seguimento intensivo da situación meteorolóxica e dos niveis de ríos e encoros nos sistemas afectados da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, así como das posibles incidencias que se detecten. Ademais, prevense medidas de concienciación dirixidas á cidadanía. De feito, os concellos afectados teñen a obriga de comunicar a Augas de Galicia os seus datos diarios de caudais de consumo.

Neste contexto, Augas de Galicia intensificará o labor de control do estado dos sistemas de abastecemento e dos propios ríos. En concreto, os 32 concellos afectados pola prealerta son Beariz, Barro, Bueu, O Campo Lameiro, Cangas, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Sanxenxo, Silleda e Vilaboa, no caso da UTE río Lérez; e Arteixo, Cabana de Bergantiños, Carballo, Cerceda, Coristanco, Culleredo, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Tordoia e Zas, pertencentes á conca do río Anllóns. A maiores, tamén se fará ese seguimento no concello de Baiona.