A Xunta promove desde Muxía o emprendemento na industria musical

2 minutes read

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, participaron este venres no acto de presentación da 1ª edición das Xornadas de convivencia e formación na industria musical, enmarcadas no programa Camiño do emprendemento musical promovido pola Xunta.

A iniciativa, organizada por Wake Up coa colaboración da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, reúne durante esta fin de semana en Muxía a profesionais e persoas mozas interesadas en explorar as oportunidades laborais e de emprendemento vinculadas á industria musical e aos eventos culturais.

O secretario xeral puxo en valor este tipo de iniciativas orientadas a achegar á mocidade galega experiencias reais e contacto directo con profesionais do sector, favorecendo así novas oportunidades de desenvolvemento profesional e autoemprego. Ademais, destacou a importancia de impulsar proxectos innovadores ligados ás industrias culturais e creativas como ferramenta para dinamizar o territorio e xerar emprego, especialmente entre a xente nova.

As xornadas contan con 40 participantes, incluíndo persoas usuarias da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, e desenvolveranse ao longo de dous días a través de obradoiros, charlas formativas e actividades musicais. O programa arrancou esta tarde no camping Lago Mar cunha sesión centrada na promoción de eventos e na programación musical, ademais de actuacións en directo de artistas galegos e nacionais.

A programación continuará mañá sábado cunha andaina polo Camiño dos Faros – Ponte do Porto e diferentes sesións sobre psicoloxía e saúde mental na industria electrónica, desenvolvemento de carreira artística e iniciación ao traballo de DJ, entre outras actividades.

Próximas actividades do  Camiño do emprendemento musical

A seguinte cita do Camiño do emprendemento musical terá lugar o 4 de xuño en Santiago, cunha xornada centrada na produción e organización de festivais e outros eventos de gran formato. O 18 de xullo será a quenda de Viveiro, cun encontro enfocado nos festivais de pequeno formato e o seu impacto cultural. Xa en setembro, o día 25, A Coruña acollerá unha sesión de introdución ao mercado laboral no ámbito musical, con experiencias e consellos de profesionais do sector. A programación concluirá en Vigo o 30 de outubro cun acto de peche no que se porán en común as aprendizaxes do último ano. As inscricións para participar poderán facerse a través da web da rede de polos de emprendemento.

A iniciativa enmárcase no compromiso estratéxico do Goberno autonómico de potenciar as oportunidades laborais da mocidade e, ao mesmo tempo, promover o espírito emprendedor entre as xeracións máis novas, impulsando proxectos innovadores que contribúan á dinamización do territorio e á xeración de riqueza e emprego.