A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, vén de recibir un total de sete ofertas de empresas para executar as obras da fase 2.1 do Novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Novo Chuac), que abrangue a escavación, o movemento de terras e a valorización de materiais.
Esta actuación, licitada por preto de 52,2M€, constitúe unha fase esencial dentro do proceso de desenvolvemento do Novo Chuac, xa que permitirá preparar os terreos sobre os que se executará a futura ampliación hospitalaria mediante a realización das principais actuacións necesarias para facer posible o inicio das obras de edificación.
Divídese, así, esta segunda fase en dúas partes, o que permitirá que a obra do novo edificio asistencial se axuste ás necesidades asistenciais e orzamentarias á data da licitación, evitando sobrecustes que poidan comprometer os futuros prazos de execución.
O contrato, comprende as actuacións previas necesarias para a execución posterior do novo edificio asistencial, nas que se inclúen tanto as demolicións das edificacións existentes como a execución da práctica totalidade dos movementos de terras previstos no ámbito da actuación, así como a xestión e valorización dos materiais naturais obtidos durante as escavacións, de acordo coa normativa estatal que regula a súa reutilización.
Isto suporá a escavación dunha superficie equivalente a 7 estadios como o do campo de fútbol de Riazor, e onde se construirán os novos edificios asistenciais.
Demolicións e movementos de terras
Entre os traballos obxecto deste contrato, figura a demolición de 17 vivendas unifamiliares situadas na contorna de Curramontes, así como das construcións auxiliares existentes nas parcelas, destinadas a garaxes, almacéns ou outros usos complementarios.
Tamén se inclúe a demolición dos peches das parcelas, da rúa Curramontes, da rúa Castaño de Eirís e dos dous aparcadoiros provisionais existentes dentro do ámbito de actuación, ademais da retirada das redes de servizos que quedarán fóra de funcionamento antes do inicio das obras.
Estas actuacións permitirán liberar completamente o espazo destinado á futura ampliación do complexo hospitalario.
O contrato licitado contempla, igualmente, a execución da práctica totalidade das escavacións necesarias para a construción do Novo CHUAC, quedando unicamente pendentes para unha fase posterior os traballos correspondentes á actual central de enerxías e á vía de circunvalación do hospital existente.
Así mesmo, inclúense todas as actuacións necesarias para garantir a estabilidade dos desmontes xerados durante as escavacións, mediante a execución de ancoraxes, pantallas de micropilotes e os correspondentes sistemas de drenaxe, co obxectivo de asegurar a estabilidade e a seguridade dos noiros durante o desenvolvemento das futuras obras.
Con este contrato, o Goberno galego segue dando pasos na execución do Novo CHUAC, impulsando unha actuación imprescindible para preparar os terreos sobre os que se levantará a futura ampliación do complexo hospitalario coruñés.
O obxectivo da Xunta é adxudicar este contrato a finais de 2026, dando continuidade ás actuacións previstas no desenvolvemento dunha das maiores actuacións sanitarias e de infraestruturas públicas que a Xunta están a executar actualmente en Galicia.
