A XVII Festa Galega encherá de música tradicional o porto de Malpica os días 14 e 15 de agosto

2 minutes read

O Concello de Malpica presenta a programación da XVII Festa Galega, unha das citas máis destacadas do calendario cultural do verán, que se celebrará os días 14 e 15 de agosto no recinto do Travelift, no porto de Malpica.

Durante dúas xornadas, a música tradicional e de raíz será a protagonista cun cartel que combina agrupacións folclóricas e artistas de referencia da escena galega actual.

A programación dará comezo o venres 14 de agosto ás 21:30 horas coa actuación da AC Raigañas (Vilatuxa e Baralloas). Ás 22:00 horas será a quenda da ACD Carcaxía (Meigallo e Riola), continuando ás 22:30 horas con Unto Vello. A primeira noite rematará ás 23:40 horas coa actuación de Radio Cos.

O sábado 15 de agosto abrirá a programación musical ás 22:00 horas coa AC Malante (Os Gaiteiros das 11). Ás 22:30 horas actuará Do Rivés, mentres que Mondra será o encargado de pechar esta décimo sétima edición da Festa Galega cun concerto previsto para as 23:30 horas.

Coincidindo con esta celebración, Malpica acollerá tamén a XIII Feira Mariñeira, que se desenvolverá do 14 ao 16 de agosto na rúa principal da vila, cun amplo programa de actividades, animación, artesanía e gastronomía, convertendo o municipio nun referente do lecer e da cultura durante esa fin de semana.


O alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, destacou que “a Festa Galega é unha cita plenamente consolidada que pon en valor a nosa identidade, a nosa música e as nosas tradicións, ao tempo que contribúe a dinamizar a actividade social e económica do municipio durante o verán”.


Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Noelia Freijeiro, sinalou que “ Queremos que a Festa Galega siga sendo un escaparate para o talento das agrupacións locais e, ao mesmo tempo, un escenario no que tamén teñan cabida formacións e artistas de referencia da música galega. Esa combinación é a que fai medrar este evento edición tras edición e o consolida como unha cita imprescindible do verán en Malpica.”


O Concello de Malpica convida á veciñanza e ás persoas que visiten a Costa da Morte nesas datas a participar na XVII Festa Galega e na XIII Feira Mariñeira, dúas citas que volverán converter Malpica nun escaparate da cultura, da música e da tradición galega.