O lume calcinou máis de 200 hectáreas, segundo as últimas estimacións da Consellería do Medio Rural. Neste contexto, declarouse a Situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade aos núcleos de Vecoña de Arriba e Vecoña de Abaixo, na parroquia de Moreiras, onde se iniciou o lume. Con todo, o incendio tamén se achegaba á parroquia de Feás. A Consellería do Medio Rural mobilizou a catro técnicos, oito axentes, 20 brigadas, 11 motobombas, dúas unidades técnicas de apoio, tres pas, cinco helicópteros e nove avións. Ademais, o Ministerio para a Transición Ecolóxica incorporou este domingo ao operativo tres avións anfibios, un helicóptero e efectivos da BRIF de Laza, que traballaron de xeito coordinado cos da Xunta. Entre os labores, realizouse un cortalume na zona da Fenteira co obxectivo de evitar que as lapas avancen cara aos núcleos. Estas tarefas obrigaron a cortar unha das estradas do municipio, que une este lugar coa parroquia de Feás.
0