Adxudicada a execución das obras de prolongación da autovía da Costa da Morte entre Santa Irena e a AC-432

1 minutes read

A Xunta adxudicou por máis de 33,3M€ (33.363.014,14€) a execución das obras de prolongación da autovía da Costa da Morte, no treito entre Santa Irena, no municipio de Vimianzo, e a estrada AC-432.

Con esta actuación, adxudicada á UTE Construcciones y Obras Taboada y Ramos, S.L.U.- Construccións Obras e Vias S.A. (COVSA) – COMSA, S.A.U. prolongarase o tramo de autovía da Costa da Morte que se puxo en funcionamento no ano 2016, con case 28km libres de peaxe que comunican os concellos de Carballo, Coristanco, Cabana de Bergantiños, Zas e o termo municipal de Vimianzo, ata Santa Irena.

A nova intervención abrangue 5,8 novos quilómetros de estrada, ata a intersección coa AC-432, que comunica Vimianzo e Camariñas. Este treito construirase sobre unha traza con parte do movemento de terras xa executado.

As obras incluirán a construción de 2 enlaces e a previsión dun terceiro, 3 viadutos, 6 pasos superiores, 3 pasos inferiores e 6 obras de drenaxe. Cabe sinalar como estrutura máis singular do proxecto o viaduto sobre o río Vimianzo, que permitirá o cruzamento da vía sobre esta contorna, entre os puntos quilométricos  7+005 e 7+249.