A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, adxudicou por 3.078.354,95 euros as obras de renovación do firme en oito estradas autonómicas, no seu percorrido por 10 concellos da Costa da Morte
A través deste contrato, adxudicado á empresa Construcciones López Cao, S.L, levarase a cabo o reforzo do firme para o mantemento e conservación de distintos treitos da vía de altas prestacións VG.-1.4 (Cee-Sardiñeiro), así como nas estradas AC-404 (Santa Comba-Baio), AC-429 (Ponteceso-Laxe), AC-440 (Berdoias-Muxía), AC-444 (Negreira-Ponte Failde), AC-546 (Negreira- A Pereira), AC-550 (Cee-Ribeira) e a AC-552 (A Coruña-Cee).
As intervencións nestas vías, coinciden cos seus percorridos polos municipios da Baña, Cabana de Bergantiños, Cee, Fisterra, Laxe, Muros, Muxía, Santa Comba, Vimianzo e Zas.
A través destas obras mellóranse as características funcionais das estradas da titularidade da Xunta e reforzase a seguridade viaria en distintos treitos desta vías. As obras contan cun prazo de execución estimado de seis meses.
Os traballos adxudicados consistirán na rehabilitación superficial do firme destas estradas, con distintas actuacións, restaurando as características do pavimento, adecuando as súas necesidades funcionais e de durabilidade.
En conxunto, a través destas intervencións actuarase en preto de 65 quilómetros de lonxitude.
En todas as actuacións contempladas neste contrato non son necesarias as expropiacións de terreos, xa que están incluídas dentro da franxa de dominio público de titularidade da Xunta.
O departamento que dirixe M. Allegue segue a traballar e a apostar tamén pola mellora das características da rede actual de estradas de titularidade autonómica, supoñendo un menor custo de mantemento a longo prazo e unha mellora da seguridade viaria.