O alumnado da acción formativa para persoas desempregadas (AFD) centrada na atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais realizou unha visita didáctica ao Centro de Promoción da Autonomía Persoal (CPAP) de Bergondo, nunha actividade orientada a complementar a formación teórica cun contacto directo con recursos especializados no ámbito da dependencia.
A visita permitiu achegarse ao funcionamento dun centro dedicado á promoción da autonomía persoal e ao apoio ás persoas en situación de dependencia, no que se desenvolve un traballo integral que abrangue desde a rehabilitación físico-funcional e psicolóxica ata procesos de capacitación e orientación cara á integración social e laboral. Este enfoque, baseado nunha atención global desde a perspectiva biopsicosocial, serviu como marco de referencia para afondar na comprensión das diferentes dimensións da intervención sociosanitaria.
Durante o percorrido polas instalacións, o alumnado puido observar de primeira man a dinámica dun equipo profesional multidisciplinar e a forma na que se organizan as distintas áreas de intervención, o que lles permitiu contrastar os contidos teóricos do módulo formativo coa realidade práctica dun centro especializado. A experiencia contribuíu tamén a reforzar a importancia da rehabilitación e do traballo orientado á autonomía persoal como elementos clave na mellora da calidade de vida das persoas dependentes, así como o papel esencial que desempeñan os profesionais neste proceso de apoio e acompañamento.
Esta acción formativa para persoas desempregadas (AFD) centrada na atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais comezou a impartirse na Laracha o pasado 17 de abril baixo a organización do Concello e da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia. O plan formativo consta dun total de 528 horas, rematando a súa formación práctica en diferentes centros dependes do Consorcio Galego como Carballo, Arteixo, A Laracha e Cerceda. Os alumnos que finalicen o programa con éxito recibirán o certificado de profesionalidade que acreditará a formación cualificada completa na materia obxecto da formación.