Uns 30 alumnos a alumnas de 4º da ESO do Centro de Formación Rural EFA Fonteboa visitaron esta mañá varias empresas do Polígono de Carballo no marco do Proxecto ‘Construíndo O Futuro’, impulsado por AXOBER.
Diego Iglesias, Presidente de AXOBER, encargouse de abrir a xornada e darlle a benvida aos asistentes insistindo na importancia de achegar ao alumnado á realidade empresarial. A continuación, Pablo Rodríguez, Xerente do Polígono de Carballo, fixo unha explicación xeral sobre a creación e evolución do parque empresarial, abordando a súa orixe, crecemento ao longo dos anos, servizos dispoñibles, número de empresas instaladas e aspectos clave do seu funcionamento e dinamización.
Ángel Noguerol, en representación da Cámara de Comercio da Coruña, explicaron o funcionamento do viveiro de empresas e os servizos que a entidade ofrece para apoiar o emprendemento, o desenvolvemento empresarial e o acompañamento de novos proxectos.
As visitas empresariais iniciáronse en Suheyco, especializada en solucións para carpintería, construción e equipamento profesional. Durante o percorrido, o alumnado coñeceu os procesos
vinculados á transformación da madeira, desde o corte e preparación das pezas ata os distintos sistemas de pechaduras e ferraxes.
A continuación, visitáronse Agetrans e Transportes Razo, onde se presentou o amplo abano de servizos que desenvolven. O alumnado coñeceu tanto a súa actividade principal de transporte, cunha frota propia de preto de 60 camións; como outros servizos complementarios, entre eles a comercialización de transportes, a venda de áridos, formigón e outras áreas vinculadas ao sector.
A última parada realizouse en Kia Corgal, onde se abordaron as novidades no ámbito da mobilidade, con especial atención aos vehículos eléctricos e híbridos, analizando as súas diferenzas e características. Ademais, o grupo visitou as instalacións do taller, a zona de recambios e o servizo de lavado.
A actividade resultou moi enriquecedora para o alumnado. “Este tipo de xornadas axudan ao alumnado a visualizar o entorno laboral existente na súa contorna máis próxima e a desmontar a idea de que as oportunidades profesionais só se atopan en grandes empresas situadas nas principais cidades. Ademais, permiten poñer en valor que contamos cun dos parques empresariais máis importantes de Galicia”, destacou Diego Iglesias.
Peche do programa
O proxecto ‘Construíndo O Futuro’ péchase o vindeiro xoves, 28 de maio, cunha xornada adicada á conexión entre a empresa e a formación que leva por título “Foro Empresa, FP e Talento”. O encontro reunirá empresas, centros educativos e entidades vinculadas á empregabilidade e á formación co obxectivo de crear un espazo de diálogo sobre os retos actuais do mercado laboral, a FP Dual, as prácticas en empresa e a captación de talento.
A xornada contará con diferentes mesas redondas e intervencións nas que participarán empresas con experiencia en FP Dual, centros educativos da comarca, entidades como FEUGA e Fundación Venancio Salcines, así como representantes do Concello de Carballo, do Polígono de Carballo e de Axober. Todas as persoas interesada poden inscribrirse a través da seguinte ligazón: https://axober.org/axenda/foro-empresa-fp-e-talento/
‘Construíndo O Futuro’ é unha iniciativa impulsada por AXOBER – Asociación de Empresarios de Bergantiños -, coa colaboración do Concello de Carballo, Deputación da Coruña e o Polígono de Carballo.