Ana Miranda apoia a loita contra a macroplanta de biogás da Laracha e o proxecto mineiro de Coéns

1 minutes read

A eurodeputada do BNG Ana Miranda visitou este sábado as localidades da Laracha e Laxe para reunirse coas plataformas veciñais que están loitando contra a macroplanta de biogás en Soandres e a mina no lugar de Coéns, ás que amosou o seu apoio. A representante nacionalista estivo acompañada polo deputado do BNG Oscar Insua e polo responsable comarcal da formación nacionalista en Bergantiños, Xosé Manuel Pose.

Na parroquia larachesa de Soandres, Ana Miranda escoitou, xunto á portavoz municipal do BNG, Carolina Castiñeiras, as inquedanzas de máis dun cento de persoas que acodiron á xuntanza, e que están afectadas polo proxecto de biogás.

A europarlamentaria ofreceuse a axudar á plataforma veciñal a tramitar unha denuncia ante a Comisión de Peticións do Parlamento europeo. E informou da pregunta que realizou en maio á Comisión Europea, con solicitude de resposta escrita, sobre a posible afectación a zonas naturais protexidas e  as medidas concretas que tomaron os gobernos galego e español para cumprir os requisitos de conservación das zonas ameazadas.

Mina de Coéns

Pola súa parte, a voceira municipal e candidata do BNG á alcaldía, Cristina Vázquez del Prisco, foi a anfitrioa na visita ao lugar de Coéns, en Laxe, na que Miranda recibiu toda a información sobre o proxecto mineiro por parte da plataforma veciñal.

A eurodeputada nacionalista comunicou á veciñanza que levará a cabo unha pregunta parlamentaria para que a Comisión Europea aclare se o proxecto cumpre coa normativa da UE en materia ambiental, patrimonial e de afectación as vivendas.