A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou este venres 9 de outubro na cea-homenaxe a Evencio Ferrero, alcalde de Carballo durante case 23 anos, do que dixo é “un exemplo a seguir” que converteu o concello “nun lugar onde se vive mellor” e nun “modelo de bo facer”.
“Evencio e todos os equipos cos que traballou conseguiron que Carballo sexa un lugar onde se vive mellor, onde a xente é máis feliz, un concello con identidade e con orgullo e unha referencia fundamental para demostrar que, mesmo o que parece máis difícil, pode ser posible”, afirmou nunha cea-homenaxe na que tamén interveu o actual rexedor, Daniel Pérez, e na que participaron 250 persoas, incluídos representantes de todos os sectores sociais e económicos do municipio.
Pontón agradeceu a Ferrero o seu “compromiso, xenerosidade e entrega” para transformar en positivo un concello que partía dunha desfeita que ninguén negaba e convertelo nun lugar para vivir mellor, nun “bo sitio para a xente”.
“Que un concello como era Carballo se convertese en modelo de bo facer, de boas prácticas en xestión municipal, de modernidade e audacia é un agasallo que nos deu Evencio Ferrero e todos os equipos que dirixiu”, sintetizou.
A portavoz nacional recordou como coa súa chegada á Alcaldía en 2003 “todo foi a mellor”, grazas a un novo modelo de concello centrado en mellorar a vida das persoas e en xerar dinamismo económico, social e cultural.
“Así naceron novos espazos para o goce, novos centros de encontro, a dinamización do comercio, o crecemento do tecido empresarial, a programación cultural audaz e de altura e mesmo o proxecto de facer de Carballo un pioneiro museo ao ar libre para o que miraron cidades e concellos de todo o mundo”, enumerou.
Todo, afondou, co modelo municipal do BNG, como o propio Ferreiro sempre di, mais tamén coa súa “xenerosidade e co seu compromiso tamén coa organización á que pertence desde a primeira hora”, incidiu.
“Non é só que a transformación de Carballo responda ao modelo do BNG para os concellos, é que Carballo, nestes 23 anos, marcou en boa medida a liña do Bloque, abrindo camiños e definindo prioridades para converterse nun espello no que que nos mirar e un exemplo do que nos gabar”, afondou Pontón, quen tamén agradeceu ao que foi alcalde de Carballo até hai un ano o seu esforzo e entusiasmo á hora de definir políticas municipais que son fundamentais para a formación nacionalista e que fan realidade o seu obxectivo último que non é outro máis que “mellorar a vida das persoas”.
A líder nacionalista tamén recordou que o apoio ao BNG por parte da veciñanza foi medrando en cada cita electoral, incluída a de 2023, os últimos comicios nos que Ferrero foi cabeza de candidatura. “E desde aí, desde o máis alto, con xenerosidade, pasa o relevo a Daniel Pérez, que non teño dúbida, revalidará e continuará o traballo feito, o legado recibido e a herdanza tan coidada que Evencio lle traslada”, augurou.
Neste sentido, lembrou que o exrexedor “é mestre de profesión” pero tamén “mestre na vida” porque trasladou os principais valores que debe ter unha persoa que se dedica á causa política e que concretou na “honestidade, lealdade, honradez, xenerosidade, compromiso e vontade de traballar pola maioría, por todas as persoas, por un mundo mellor, sexa desde onde sexa”.
“Evencio é un político extraordinario e un gran ser humano, calidades que sempre son un valor, pero máis que nunca nestes tempos broncos, de crispación e de ruído, reivindicamos o seu talante, o seu carácter dialogante e seu compromiso firme na defensa dos dereitos da veciñanza de Carballo e tamén de Galiza”, concluíu.
