As Asociacións Cultural e Xuvenil Arume de Verdillo presentaron este venres o cartel e a programación dunha nova edición da festa do Albaroque, a súa festa de fin de curso, que terá lugar o vindeiro venres 5 e sábado 6 de xuño.
A presentación tivo lugar no adro da igrexa de Verdillo onde empezou a celebrarse esta festa hai 44 anos. A presidenta da rama cultural, Belén Mato, recordou aqueles primeiros anos da festa na leira en frente á igrexa e deu a coñecer a continuación o cartel desta edición que reflexa a unión entre o primeiro logo de Arume e o logo actual. Explicou a continuación que o lema da 44 edición do Albaroque, como vén sendo habitual nos últimos anos, é “Verdilleses desde 1982”, co que queren homenaxear a ese grupo de persoas que naqueles anos puxeron a andar este proxecto tan avaricioso que hoxe é Arume.
A continuación María Esmorís, presidenta da rama xuvenil, presentou a programación para os días 5 e 6 de xuño.
A festa empezará o venres para todos os rapaces que desexen participar nos xogos populares a partir das 18.00 horas coa entrega de premios prevista para as 20.30 horas.
A celebración do sábado inclúe unha mostra das actividades que se levaron a cabo este curso no seo das dúas asociacións. Comezará pola mañá (12.00 horas) coa actuación das Escolas de baile e música tradicional da Asociación Cultural Arume, onde os alumnos de pandeireta, baile, gaita, percusión e acordeón poderán amosar a labor feita durante o ano.
Ao longo da xornada haberá actuacións variadas dirixidas a tódolos públicos. A primeira das formacións musicais que nos visitarán será o coro Aires de Bergantiños (13.15 horas), como vén sendo habitual nas últimas edicións desta festa. Os alumnos de bailes latinos da Asociación Xuvenil poñeranlle ritmo á sesión vermú previa á sardiñada (13.30 horas).
Despois da habitual sardiñada, ás 16.00 horas teremos unha exhibición de Cantos de Taberna pertencentes tamén á rama cultural.
E a partir das 17.00 horas celebrarase o ALBAROQUIÑO co espectáculo de clown, humor irreverente e circo Peor Imposible a cargo de Peter Punk e dirixido a todos os públicos. Este é o cuarto e máis recente espectáculo unipersonal de este recoñecido paiaso galego, no que mantén a súa esencia e o humor irreverente que o caracteriza e co que mostra a súa veterania e madurez, tras máis dunha década de traxectoria profesional.Peter Punk non contaba con que as cousas sempre poden ir a peor. Nesta nova aventura, non lle queda máis remedio que afrontar o seu fracaso. Pero está disposto a todo a cambio da risa do público.
De seguido (19.00 horas) será o turno da exhibición do alumnado de baile moderno, actividade pertencente á Asociación Xuvenil.
Con eles quentaremos motores para disfrutar (a partir das 19.30 horas) do III SON PINEIRO conO Tren da Unha, asiduos das festas da parroquia, cun variado e amplo repertorio musicalque prometen facer as delicias de bailadoras e bailadores.
A continuación, Belén sinalou que todas as actuacións serán de balde e están dirixidas a todo o público que desexe asistir e que para a organización desta festa contan coa colaboración da Deputación da Coruña, Conservas Calvo e o Concello de Carballo.
Precisamente nese momento interviu Ramón Varela, concelleiro de participación cidadá, quen alabou o traballo da Asociación Arume e destacou a súa implicación nesta festa “eu son afecionado a esta festa”.
Maruxa Suárez, concelleira de cultura e festas, sinalou “Parabéns polo traballo e o Albaroque ao ser profesora recórdame ao remate do curso, o inicio do verán e do tempo de lecer”.
Daniel Pérez, alcalde do concello de Carballo, engadiu na súa intervención “Falar de Arume é falar de tradición e cultura, e tamén é falar de comunidade e futuro” e destacou a presenza dunha banda de gaitas con rapaces moi novos que garantiza a continuidade de Arume.
O acto pechou coa intervención da banda de gaitas da A.C.Arume.