As Torres do Allo, gran referente cultural da Costa da Morte, acolleron máis de 4.500 visitantes este ano

4 minutes read

O histórico conxunto das Torres do Allo, considerado o pazo máis antigo de Galicia, pechou a súa campaña de verán de 2026 cun balance extraordinario.  No que vai de ano, as Torres do Allo acadaron xa os 6.514 visitantes, consolidándose como un dos principais recursos patrimoniais e turísticos da Costa da Morte sendo a porta de entrada para as persoas que nos visitan.

O alcalde destaca que estes datos son froito dunha aposta que combina a conservación e posta en valor do patrimonio, a atención continuada aos visitantes e unha programación cultural estable e diversa, pensada para achegar o monumento tanto á veciñanza como ás persoas que visitan a comarca.

Un dos datos máis salientables desta campaña estival foi a elevada afluencia rexistrada tamén durante os días laborais. As Torres do Allo mantiveron unha importante chegada de visitantes de luns a venres, confirmando o seu papel como un dos puntos de interese para as persoas que percorren a Costa da Morte. Neste sentido, o alcalde salienta especialmente a decisión de manter o monumento aberto os sete días da semana, convertendo as Torres do Allo no único espazo museístico da Costa da Morte que mantén a súa apertura os luns. Esta circunstancia permite captar parte do fluxo de viaxeiros que percorren a comarca ao comezo da semana e que atopan pechada unha parte importante da oferta cultural e museística doutros municipios. Manter esta apertura durante toda a semana supón un importante esforzo económico para o Concello, que aposta por ofrecer un servizo turístico continuado e facilitar o acceso ao patrimonio durante toda a campaña.

O dinamismo das Torres do Allo responde a preocupación do goberno municipal por ter unha axenda cultural diversificada que conxuga divulgación histórica, música, tradición oral e xogos en familia. Entre as principais iniciativas desenvolvidas destacan:

•          Campamentos infantís: Dende o 15 de xuño, 4 quendas de 70 nenos e nenas cada unha (preto de 300 prazas) encheron ás mañás do pazo de animación e xogos.

•          Música de cámara con «Aida Piano Trío» (11 de xullo): Unha das grandes citas distinguidas do calendario estival, que congregou a amantes da música clásica na contorna monumental das Torres.

•          A Carriza, de Aantena Teatro: o proxecto achegou ao pazo diferentes propostas culturais, entre elas o contacontos A Carriza, con Yago Espasandín; un obradoiro artístico con Virginia Barros e Isa Barreiro a partir de lixo mariño recuperado nas limpezas realizadas pola Asociación Mar de Fábula; un obradoiro de regueifas con Lupe Blanco e unha loita de regueifeiros novos tamén da man da regueifeira.

•          Visitas teatralizadas: As representacións dos Quinquilláns contaron coa asistencia de case 200 persoas, achegando a historia e personaxes do pazo dun xeito didáctico e divertido, considerando que por motivos de saúde houbo que cancelar este tipo de visitas case durante un mes.

•          Escape Room «O Caso Riobóo»: Un dos grandes atractivos do verán, que nesta edición estreou nova narrativa e dinámica de retos, atraendo a máis de un cento de mozos e familias.

•          Xogo de pistas «O legado de Francisca»: Unha proposta interactiva pensada para o público familiar que permitiu a pequenos e maiores descubrir os recunchos e historias agochadas do conxunto pacego de forma divertida e autónoma.

•          Visitas guiadas convencionais: realizáronse visitas guiadas gratuítas  a  un total de 408 visitantes durante os meses de xullo e agosto.

•          Romaría do San Ramón (30 de agosto): O tradicional broche de ouro da tempada estival, que reuniu nunha soa xornada a centos de persoas entre veciñanza de Zas e visitantes chegados de toda a comarca e de Galicia.

A través desta programación, o goberno municipal continúa apostando polas Torres do Allo como espazo de encontro, divulgación e dinamización cultural, favorecendo a participación da veciñanza e reforzando ao mesmo tempo o seu atractivo como recurso turístico e unha das principais portas de entrada da Costa da Morte.

Os datos de procedencia dos visitantes confirman tamén a capacidade das Torres do Allo para atraer público máis alá do ámbito local e comarcal. Durante o verán destacou especialmente a presenza de visitantes procedentes doutras comunidades autónomas, con 1.504 persoas, unha cifra que evidencia o interese que o monumento esperta entre os viaxeiros que percorren Galicia. En agosto, o público nacional chegou a representar o 41,77 % do total das visitas, confirmando o importante peso do turismo estatal na afluencia ao monumento durante a tempada estival.

Neste mapa de orixes cómpre engadir tamén a pegada internacional con persoas chegadas de ata 15 nacionalidades diferentes. No ámbito europeo destacan Francia, Portugal e Alemaña. De fora de Europa, os visitantes máis numerosos proceden de Arxentina e do Brasil, constatando a crecente proxección das Torres do Allo.